REPENSAR A PROFESIÓN

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A promoción de Mestras de Ensino Primario de 1957-1960 da Escola de Maxisterio de Lugo celebramos o pasado venres unha xuntanza propiciada pola Asociación de Antiguos Alumnos da USC no Campus da cidade das murallas. A colocación dunha placa conmemorativa no “Recanto da Memoria”, a recepción do Decano, exalumno da Escola, e da Vicepresidenta da asociación na Facultade de Formación do Profesorado –que así se chama agora- e un xantar de sororidade lograron un día de xúbilo. A celebración foi  oportuna para repensar a formación que recibimos e a profesión que desempeñamos. Estudamos na ditadura que crebara o florecemento do ensino na II República, represaliando o mellor profesorado en todos os niveis. As alumnas fomos máis afectadas polo retroceso da sociedade, ideoloxizada contra os dereitos femininos, que nos segregou, e limitou máis as posibilidades e a liberdade de elección de estudos. O noso xénero padeceu todas segregacións dun sistema educativo ancorado na Ley de Instrucción Pública de 1857, coutados eses avances que lograra a República no primeiro bienio. A lei nacera con carácter xebrador, creando para nosoutras materias propias e permitindo como única titulación a de Maxisterio. Nin como mulleres nin como ensinantes recibimos formación para afrontar o que ía esixir o futuro e, só dez anos despois de titularnos, enfrontámonos coa Lei General de Educación de 1970, que propugnaba un ensino anovado en métodos e contidos. Elevaba a carreira de Maxisterio a rango universitario, pero nós tivemos que preparar en por nós os cambios, agora si á par dos homes.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

E aprendemos a autoaprender en tres direccións. Na de adquirir novos conceptos pedagóxicos e psicolóxicos; na de modernizar os contidos humanísticos, científicos, artísticos e tecnolóxicos, e na de harmonizar os contidos anteriores, adaptándoos á diversidade do alumnado, aos novos modos de organización e á asunción de liderado, porque as concentracións escolares propiciaron o traballo de equipo e pedían a formación especializada que ampliaría os camiños do noso percorrido profesional. No transcurso da implantación desta lei vivimos a transformación que afecta profundamente a educación: o paso a unha democracia, que prevé dereitos, deberes e participación. Este cambio esixiunos establecer novas relacións de aula e  interactuar coa sociedade como fin e como medio educativos.  No camiño perdemos a autoridade imposta e houbo que baseala nunha nova maneira de xestionar  o ensino. Coa democracia, Galicia convértese en comunidade histórica que  incorpora a súa lingua ao sistema educativo, como contido de aprendizaxe e como vehículo de coñecementos e relacións. Tocaranos tamén recuperar aquel idioma que o sistema educativo nos negara e nós lle viñeramos negando ao alumnado, tendo que pasalo a lingua estándar, se o sabíamos, ou a aprendelo estandardizado. E inda tivemos que seguir as reformas da LOXSE, tamén de gran calado. As compañeiras mirámolo con xúbilo.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Publicado en El Correo Gallego (23-09-16)

 

Advertisements