DEBERES ESCOLARES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Os deberes escolares póñense sobre a mesa cando  hai que abordar o curso. Son moitas as horas que o alumnado pasa facéndoos, a familia axudándolle e o profesorado planeándoos e corrixíndoos. Tanto esforzo chama á pedagoga a falar deles desde a súa reflexión. A palabra deberes ten claras connotacións de obriga. Eran a aportación do alumnado á súa formación, daquela elitista, á que o pobo chegaba con moita motivación. Supoñíalle un esforzo extra para aprender non moito máis alá de ler, escribir e as catro regras, que lle permitirían desenvolver un mellor futuro. Cos deberes facíase a práctica deses rudimentos do saber alfabetizado, como se facía na aprendizaxe dos oficios ata perfeccionar as técnicas de cada un para dedicarse á profesión. Neste contexto, os deberes eran moi ben vistos, incluso esixidos, por todas as partes implicadas. Mais a escolarización foise virando a obrigatoria e universal desde idade moi temperá e a infancia adquiriu estatus de etapa diferenciada na que xogar e espalecerse é un factor de desenvolvemento. Pasamos de considerar operativo o refrán “O traballo dos pequenos é pouco/ e o que o perde é un louco” a que non fagan nada de proveito no tempo libre. Por outro lado, o tempo libre aumentou coa febre que lle entrou á comunidade educativa de instaurar a sesión única que deixa as tardes libres. E a tarde libre é moi longa e hai que ocupala, entre outras razóns porque os coidadores da familia a teñen ocupada fóra. Nacen así as “actividades” entretenedoras que van dos deportes ás artes pasando polo inglés –non sei se outros idiomas-, a maioría alleas ao currículo. De onde vai sacar tempo a cativada para facer os deberes? E para seguir, fago outras preguntas que achandan o camiño do discurso. Precisa toda a cativada deberes? Ten a parentela que tutelar os seus contidos ou trasladárllelos ás Academias? A que idade deben adquirirse hábitos de reforzo e ampliación da autoaprendizaxe de aula, máis limitadora segundo avanzan as etapas do ensino?

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Cada alumno ou alumna ten as súas capacidades cognoscitivas e un ritmo de desenvolvemento que determinan en conxunto se pode facer aprendizaxe colectiva ou precisa reforzo. Quen ten dificultades para seguir o ritmo da aula, precisa reforzo no tempo escolar con persoal de apoio especializado. Quen poida seguilo debe saír motivado para reforzar en por si as adquisicións ao seu aire. Quen aprenda a ler con facilidade é doado que lea e queira ler, para poñer un exemplo. Este será o camiño para un traballo persoal que non é difícil dirixir. Os deberes colectivos non van dirixidos a ninguén e non serán operativos para ninguén, sobre todo nas primeiras idades. Pouco a pouco, adquírese a capacidade de buscar, manexar e elaborar a información precisada. A esa altura, o traballo motivado pola escola non debera precisar que o resolvan persoas alleas a ela. Mais este complicado galimatías só se amañaría cun cambio total do sistema que rexe hoxe a nosa educación.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Publicado en El Correo Gallego (30-09-16)

 

Advertisements