ESAS ESTRADAS NOSAS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A BRÉTEMA NA A8

Para se desprazar por Galicia podemos tomar a decisión de ir pola estrada vella, a nova ou a do medio. O máis sensato, con algo de tempo, é tirar pola do medio para ir bordeando poboacións que se coñecen e se queren e gozando da paisaxe que inda se recoñece. Desde ela divísanse as reviravoltas das que se facían con moita man de obra, pouca maquinaria e limitada tecnoloxía, e o impacto ambiental das novas ata que poida que cheguemos a ver como obra de arte. As do medio non adoitan ser moi frecuentadas, polo que conducir non causa tanta presión se, con algo de sorte, conservan o firme pintado e en estado aceptable, que cada vez é menos frecuente. A vella é a máis señardosa e métese por entre vilas e lugares. Sendo a menos transitada, adoita ser tamén a máis perigosa porque se pode sentir a impresión esaxerada de que non a usa ninguén máis e levar moita folganza no tino de cinguirse á man correspondente.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

POLBO EN MONDOÑEDO

Sendo o anterior bastante xeralizable na xerarquía e independencia das tres vías, se non é necesario un desvío obrigado para ultimar o punto de destino pasando polas tres, hai unha excepción moi importante no tránsito común: o desprazamento pola Autovía do Sol, así designada xa por quen habitan o seu circundo nas terras próximas a Mondoñedo. Autovía do Sol non quere dicir que nos vaia cegar a claridade nin que haxa que activar a ventilación pola excesiva temperatura. Vén sendo unha advertencia á galega de que non se pode transitar por ela a causa da brétema nun tramo de 16 Km entre A Xesta (Abadín) a Arroxo (Lourenzá), que adoita ser especialmente mesta no entorno do Fiouco (A Pastoriza). Nese espazo, para evitar graves accidentes como xa ocorreron  cando entrou en funcionamento, ao reaparecer o  reiterativo fenómeno meteorolóxico de toda a vida, desvían o tráfico pola estrada do medio (N-634), o que permite rozar a cidade de Mondoñedo e nos tenta a detérmonos para bencomer e pasear polo berce de Cunqueiro e outros escritores e artistas,  que ten moito encanto, incluído o cemiterio. Contemplar os arredores desde aquel val permítenos contrastar unha curiosa realidade xeográfica. Por un lado, vese a despexada ladeira do primeiro trazado que parece pintiparada para que por alí pasase esa A8, de construción azarosa e dilatada no tempo, nacida en Euskadi e que, de momento, acaba na unión coa AP9 en Bamonde. Polo outro, os montes cunha ponte colgada por entre eles, que é o trazado definitivo, cunha brétema difusa que crea un pintoresco trasfondo de irrealidade ao irse sumido todo na cegueira do curuto polos lados. Dicía o xornalista Borobó que a estrada entre Rianxo e Quintáns a trazara unha un burro que levaban diante os responsables do plano. Así son as de última categoría, pero as novas terán detrás especialistas interdisciplinares dos que alguén entenda de Meteoroloxía. E os que traballaron tanto tempo na súa execución deberon ver que algo raro pasaba alí. A veciñanza non a botaría por ese lugar nin tola.

Publicado en El Correo Gallego (17-09-16)

Advertisements

A(S) RIANXEIRA(S)

20160912_182136-2

A canción A Rianxeira pasou, por vontade do pobo galego, a ser o seu himno festivo. Xa non digo en Rianxo, onde non hai acto ben rematado sen ese canto que  acaba saíndo como dun coro ensaiado cante quen cante. Mágoa que tan popular peza non conserve as estrofas coas que os autores Xesús Friero (recompilador das coplas populares nacidas arredor da festa da Guadalupe) e Anxo Romero (músico) a lanzaron ao mundo en 1950  desde a República Arxentina como obsequio a Castelao. As que conserva foron deturpándose co uso popular, frecuente e disperso da canción, ata facerlle perder moito significado. “Ondiñas veñen e van/ non te embarques, rianxeira…” A canción louva a muller de Rianxo facendo comparacións entre ela e a Moreniña vida de fóra e acollida con gran devoción. A Virxe vai pola area descalza como adoitaban andar as rianxeiras do pobo e máis aínda as que collían marisco na franxa a elas destinada ou axudaban a recoller o peixe para iniciar a súa venda. Os homes ocupábanse de o iren buscar, faena da que as libraban a elas. Polo tanto, non é o mesmo “Non te vaias, rianxeira” (deturpación actual) que “Non te embarques, rianxeira” (versión orixinal). As rianxeiras, como outras mulleres do mar, levaron vida moi dura, inda que a epopea  mariñeira se faga arredor dos homes. Elas non pelexaban co mar pero traballaban no medio hostil da ribeira (outro erro da xeralización: confundir o areal coa vila de Ribeira por paralelismo “vai para Rianxo/ vai para Ribeira), que lles deixaba a pel curtida e morena, avellentándoas axiña. Castelao deixa no derradeiro relato de Retrincos (Nós, 1934),“Sabela”, ese contraste entre a moza con quen bailaba de novo e a muller irrecoñecible que, aínda non vella, atopa nun regreso de madurez á vila, tal fora maltratada polo traballo no paso do tempo. Porque o labor non acababa na ribeira mariscando, secando ou atando redes. Moitas ían vender peixe transportado á cabeza ata Padrón, Pontecesures ou Noia e podían camiñar “descalciñas de pé e perna”, como dixera Rosalía, e á volta acarrear alimentos de troco (millo, patacas…) para unha casa con abondosas meniñas e meniños que manter.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Tiven a sorte de coñecer a que posiblemente foi a derradeira das entrañables “siñas” que nomea Castelao, a siña Carme a Montañesa. Coa altura de anos que esixe ese tratamento de respecto, conservaba os sinais de muller guapa e galana, e a súa presenza enchía calquera das tres últimas prazas de abastos da vila. Mentres che preparan o peixe, hai tempo a falar e eu aprendín moito dela. Foi quen me narrou esa vida de adolescente e moza percorrendo camiños para vender e mercar. A gran intelixencia e a memoria ben conservadas permitíanlle facer as contas de cabeza e ser usuaria de móbil ata o punto de asombrar co seu manexo. Ela transmitiume saberes sobre peixes e mariscos, e consellos para elaborar pratos con sabores mariñeiros. Caldeiradas excelsas con peixe azul “cheo de sal” ou o engadindo dunha porción do fígado da raia  ao rustrido, que lle dá ao prato presenza e sabor diferentes. Tamén me falou do tratamento das xoubas grandeiras para conservalas uns días en limón, receita que eu modifiquei ata a converter no ceviche particular que moito me sabe. A matriarca de catro xeracións fixo a viaxe definitiva un día da Virxe do Carme, como signo especial para unha servidora do mar.

Co seu recordo quero louvar as mulleres rianxeiras do mar e da casa. As que foron nais, mulleres dos seus homes e heroínas da ribeira. Elas resultaron ser anónimas dúas veces.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

Publicado en Guadalupe Rianxo, Setembro 2016

NA COSTA ÁRTABRA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Entre as múltiples posibilidades de elección para pasar uns días de descanso, goce e aprendizaxe de Galicia, e non só dela, está a costa do Golfo Ártabro, como lle chamou D. Ramón Otero Pedrayo, o xeógrafo de noso que facía poesía describindo a terra, e os grecorromanos Estrabón, Pomponio Mela e Plinio designaron co nome de “Portus Magnus Artabrorum”. O mes de setembro é un tempo ideal para percorrela, porque desce a saturación de visitantes. Tamén porque é tempada na que se pode viaxar con moi boa luz e o día é longo para os percorridos. É tal a diversidade de elementos paisaxísticos que se volve coa impresión de ter revisado o mundo con só andar parte dos concellos de Cariño, Cedeira, Ferrol, Narón, Valdoviño, Ortigueira, Ares  e Mugardos. Para a ancaresa que tivo a sorte de estar en Noruega case á altura do círculo polar por este tempo, a impresión esténdese ás veces a crer que xa viu en Escandinavia a paisaxe dunha Galicia comprimida na que se xuntaran Os Ancares e as rías, escarpadas como os fiordos. A escala é aquí máis reducida, pero igualmente sobrecolledora. O itinerario mostra todas as caras do mar. Desde os acantilados do cabo de Ortegal, punto cero da unión do Catábrico e o Atlántico, con sorte de que o día non estea turbado pola brétema amante ela tamén destas paraxes, o mar pode verse bravísimo contra os aguillóns ou suave como unha danza tecedeira de blondas para as sabas máis luxosas de Neptuno. Unha visión similar tense desde a Vixía Hebeira, onde a terra vive case en soedade non sendo polo gando en liberdade e os xeradores eléctricos que aproveitan o vento para crear enerxía limpa.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Baixando das alturas, atópase san Andrés de Teixido, lugar de peregrinación que mantén a súa fasquía equilibrada na venda de exvotos, recordos e amuletos. Ás praias dunares de Cariño ou Valdoviño chega un mar desbordante en sons transversais con baixo continuo de fondo que parece esperarnos para o baño. Dá medo e atrae a un tempo, mentres a area máis moída se deixa arrastrar pola brisa como bafo que pousa nos montículos móbiles onde florea a azucena de mar e un que outro ramalliño que azulean ese hábitat como en mosaicos dispersos. A lagoa de Valdoviño acolledora de máis de mil aves acuáticas de paso durante o inverno loce unha vexetación palustre de sumo interese. En todas as beiras aparece o fiúncho mariño madurecendo as umbelas dos froitos en contraste co verde das súas follas carnudas. Fixándose, vese que onde chegan hálitos de salitre naceron as malas herbas que hoxe buscan os cociñeiros especializados para dar novos aires aos pratos de peixe. E canto gusta descubrilas. Miradores sobre as rías para gozar de panoramas singulares, monumentos que resisten a decadencia como o mosteiro de Santa Catalina en Ares que ten como árbores do seu xardín externo de sebes xeométricas a castiñeiros centenarios, variada gastronomía e unha infraestrutura hosteleira moi aceptable completan un destino que merece moito a pena.

Publicado en El Correo Gallego (09-09-16)