DO ACOSO ESCOLAR

SANYO DIGITAL CAMERA

Non se sabe a razón pola que un alumno ou alumna empeza a ser vítima de acoso. As gafas, o peso, os rasgos raciais diferentes, a inclinación sexual, algún pequeno defecto físico ou a súa aplicación ao estudo poden ser desencadeantes, pero non son imprescindibles, porque non sempre é así. Debe ter algunha propensión só perceptible para quen, sen buscar outro beneficio que o gozo maligno -non exento na infancia-, pasa a lle amargar a vida a quen lance o etéreo sinal. Na miña infancia tiven cerca un neno que renunciou á escolarización polo pánico que sentía ante uns energúmenos que o ameazaban. Eran tempos duros nos que había que resignarse a que os señoritos non fosen castigados e a súa familia supliu aquela carencia ata que accedeu aos estudos de bacharelato. Hoxe é inadmisible que a escola primaria ou secundaria, que ten como obxectivo prioritario nas súas declaración pedagóxicas facer cidadáns libres, non asuma entre as súas terefas prioritarias afrontar este problema cos mesmos procedementos que ten a sociedade para resolver os conflitos: prevención, normas, e actuación correctora e reeducadora dos infractores. O centro educativo é unha pequena célula social que educa para a cidadanía co seu propio proceder como institución e non pode converterse en lugar de desamparo de incalculables consecuencias para uns e de impunidade para outros.

SANYO DIGITAL CAMERA

A educación ten o seu asentamento no seo familiar e, polo tanto, a escola non pode traballar soa estes contidos, pero si ha de estar vixiante fomentando a observación dos comportamentos e dando confianza ao alumnado. Ha de mostrarlle os medios que posúe para atallar os conflitos e as canles regulamentarias para reclamar a súa atención. Cada estudante ten un membro do seu equipo profesoral que exerce tutoría que está ao seu servizo e o centro ten asesoramento pedagóxico e autoridade para tomar medidas educativas que garantan os dereitos do alumnado e esixan o cumprimento dos seus deberes no relativo á convivencia pacífica. Así se ten que ver a escola e así a teñen que ver as familias, como garante da seguridade e da responsabilidade dos seus fillos e fillas. Non parece procedente que a defensa se descargue nas criaturas preparándoas desde a familia na belixerancia dunhas contra outras como se fosen para a selva. Na cola dun caixeiro escoitei unha conversa que me estimulou para escribir o que aquí queda. Un avó dicía que mandaba a súa neta aprender kárate para saber defenderse dos compañeiros. Que el avisaba a nena: “Non deas a primeira, pero se che dan, atiza”. O lamentable sería que o consello coincidise coas recomendacións dalgún educador profesional que non dera interiorizado inda que a sociedade democrática e civilizada non pode funcionar así. Que hai que buscar procederes civilizados, porque a lexítima defensa só está contemplada en caso de vida ou morte. Que a escola posúe mecanismos de regulación das condutas indesexables e só ten que os aplicar cando sexa preciso.

Publicado en El Correo Gallego (28-10-16)