MEMORIA

 
haiku
 
Baixou a brétema
e volveron rezar
os castiñeiros.
Advertisements

MANUAL DE EXHUMACIÓNS

manual-de-exhumacion

A ARDF (Asociación pola Recuperación de Desaparecidos no Franquismo), que centra a súa acción altruísta en varias autonomías entre as que está Galicia, editou un traballo moi valioso (Hades, 2016) que vén de saír na súa versión galega, Manual Básico de Exhumacións. A asociación ten preparadas intervencións de recuperación nas fosas comúns de Santa Mariña (Guitiriz), Vilarraso e Fervenzas (Aranga), tres das grandes fosas galegas, das que teñen estudos e están agardando axudas para poder abrir, recuperar os restos, identificalos, facerlles a xusta dignificación pública e entregalos ás súas familias para que procedan ao enterro definitivo sabendo onde poden ir levarlles flores e agarimos segundo as súas crenzas. Cóubome a honra de facer esta tradución, traballo moi grato para quen ten un familar en Vilarraso e está esperando darlle sepultura cabo do irmán que o choraba nas noites de Nadal cando eu era nena e que o honrou en silencio no seo da familia o tempo que o sobreviviu. Os autores do libro son Ángela Piñeiro Acción e Santiago Carcas Cuartero, cofundadores da asociación e membros directivos da mesma, con ampla experiencia na tarefa de recuperación de restos.

img_0362Fosa común de Vilarraso

O manual é un compendio das actuacións que debe levar a cabo a persoa ou asociación interesada en recuperar desaparecidos do franquismo con todas as garantías dun traballo solvente que dea o mellor resultado. Desde os inicios da investigación, que servirá de punto de partida, ata o último acto no cemiterio no que a familia desexe recibir os restos recuperados, os autores marcan paso a paso a boa praxe coa que ten que traballar quen se enfronta a un labor de tanta responsabilidade que debe rexerse polas normas legais correspondentes, sempres coa base duns coñecementos técnicos nos que son de salientar moi especificamente os relacionados coa Medicina Legal, a Antropoloxía Forense, a Arqueoloxía e outras disciplinas. Conscientes de que se deixou transcorrer moito tempo sen esta mínima reparación e de que ese tempo xoga contra o labor dos recuperadores, os autores fan a seguinte declaración de intencións: “Sempre se debe ter presente -por encima de trabas burocráticas, políticas, ou dificultades de calquera índole- que o noso obxectivo inquebrantable é que as vítimas e os seus familiares reciban, como merecen, o maior respecto e o mellor traballo, que debe incluír todos os pasos precisos para intentar unha identificación biolóxica e excluír calquera actitude que interfira nela ou que a imposibilite”.

Fosa de Santa MariñaFosa común de Santa Mariña

Dou fe de que os contidos que mostran estas 81 páxinas merecerán o interese xeral dunha sociedade que non debera consentir distincións entre vítimas de calquera barbarie nin que o chan dos cemiterios devanditos –ningún outro chan tampouco- garde silencios ignominiosos para as caliveiras ás que só un sol de xustiza vén colocar sombras consoladoras prestadas polas tumbas dos mortos enterrados pola súa xente, que sabe onde os deixa acomodados en paz.

Publicado en El Correo Gallego (07-10-16)