TOMAR MEDIDAS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Doulle voltas ao fío da memoria e acabo na xastrería de meus pais anotando medidas na libreta de tapas de pelica que o papá trouxera de Madrid, mediados os anos vinte, cando deixou de ser oficial dunha gran xastrería para poñer unha de seu. O oficio víñalle de familia, pero el foi “á fonte limpa” mellorar a aprendizaxe. Anotar medidas foi unha das catro cousas que sabía facer arredor dos sete anos, canda desganduxar, pasar fíos marcando dobreces e simetrías, e mollar entreteas para que non encollesen na chaqueta. Foi a primeira aplicación das matemáticas antes de saber que existían. Os xastres anotan as medidas completas na dimensión vertical e pola metade na horizontal, operación que lles facilitan as cintas métricas. E, recordando os números frecuentes, doume conta de que teño na cabeza a talla media dos homes da comarca ancaresa nas catro dimensións do pantalón e da chaqueta de tanto repetilas. A do chaleco era unha, porque a outra é subordinada á da chaqueta, pero meu pai cantaba dúas. A prenda que permitía maior variación independente da talla era o pantalón. A anchura do fondo ía de 18 a 32 cm, segundo a moda que chegaba na cola dunha vaga, de maneira que, cando nos lugares decisivos da moda se ordenaba anchura, os clientes pedíanos estreitos e ao revés. Logo viña a operación de estreitalos, a única posible, un traballo co que se poñía por segunda vez o traxe na antimoda. O pantalón tiña  variantes opcionais que non eran medidas. Unha, a cantidade dos petos. Ademais dos laterais, o cliente podía pedir o de atrás –soía dicir “á cacha”- e o do reloxo, o pequeniño que ía cerca do broche da cintura. Habitualmente querían os catro e, inda que se podía entender por defecto, quedaba anotado: “Catro petos”. Tamén mostraba preferencias pola maneria de o axustar ben á cintura: dous rabillos laterais ou un más grande detrás, como o do chaleco. Isto xa llo adoitaban preguntar no comercio para lle dar as fibelas axeitadas. A chaqueta podía ser redonda ou de traspaso, chamada tamén “cruzada”, e excepcionalmente levar os petos por fóra ou “de plastón”, máis propios da pana que do pano. Eu anotaba todo.

Verbo do asunto dos petos, recordo dúas historias distanciadas da habitualidade. A primeira foi a dun home que pediu o traxe sen petos nin por fóra nin por dentro, pois condiderábaos un estorbo. Traía consigo un morral substituto que, segundo a súa opinión, era máis cómodo e non facía sufrir a prenda. Non houbo maneira de convencelo e a confección do traxe foi un suplicio da razón. O segundo ía emigrar á República Argentina e quería os petos da chaqueta por fóra con sobrecella, un fol como o dos portafolios para cargar a correspondencia que pensaba transportar cara algunha oficina de Buenos Aires, pois ía cheo de campo. A este puidémolo convencer de que o partafolios llo ían dar os seus empregadores e de que a chaqueta ía mellor como todas. A crúa realidade levouno a traballar ao campo da Pampa, a morrer e a quedar nela.

Publicado en El Correo Gallego (21-10-16)