TOMAR MEDIDAS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Doulle voltas ao fío da memoria e acabo na xastrería de meus pais anotando medidas na libreta de tapas de pelica que o papá trouxera de Madrid, mediados os anos vinte, cando deixou de ser oficial dunha gran xastrería para poñer unha de seu. O oficio víñalle de familia, pero el foi “á fonte limpa” mellorar a aprendizaxe. Anotar medidas foi unha das catro cousas que sabía facer arredor dos sete anos, canda desganduxar, pasar fíos marcando dobreces e simetrías, e mollar entreteas para que non encollesen na chaqueta. Foi a primeira aplicación das matemáticas antes de saber que existían. Os xastres anotan as medidas completas na dimensión vertical e pola metade na horizontal, operación que lles facilitan as cintas métricas. E, recordando os números frecuentes, doume conta de que teño na cabeza a talla media dos homes da comarca ancaresa nas catro dimensións do pantalón e da chaqueta de tanto repetilas. A do chaleco era unha, porque a outra é subordinada á da chaqueta, pero meu pai cantaba dúas. A prenda que permitía maior variación independente da talla era o pantalón. A anchura do fondo ía de 18 a 32 cm, segundo a moda que chegaba na cola dunha vaga, de maneira que, cando nos lugares decisivos da moda se ordenaba anchura, os clientes pedíanos estreitos e ao revés. Logo viña a operación de estreitalos, a única posible, un traballo co que se poñía por segunda vez o traxe na antimoda. O pantalón tiña  variantes opcionais que non eran medidas. Unha, a cantidade dos petos. Ademais dos laterais, o cliente podía pedir o de atrás –soía dicir “á cacha”- e o do reloxo, o pequeniño que ía cerca do broche da cintura. Habitualmente querían os catro e, inda que se podía entender por defecto, quedaba anotado: “Catro petos”. Tamén mostraba preferencias pola maneria de o axustar ben á cintura: dous rabillos laterais ou un más grande detrás, como o do chaleco. Isto xa llo adoitaban preguntar no comercio para lle dar as fibelas axeitadas. A chaqueta podía ser redonda ou de traspaso, chamada tamén “cruzada”, e excepcionalmente levar os petos por fóra ou “de plastón”, máis propios da pana que do pano. Eu anotaba todo.

Verbo do asunto dos petos, recordo dúas historias distanciadas da habitualidade. A primeira foi a dun home que pediu o traxe sen petos nin por fóra nin por dentro, pois condiderábaos un estorbo. Traía consigo un morral substituto que, segundo a súa opinión, era máis cómodo e non facía sufrir a prenda. Non houbo maneira de convencelo e a confección do traxe foi un suplicio da razón. O segundo ía emigrar á República Argentina e quería os petos da chaqueta por fóra con sobrecella, un fol como o dos portafolios para cargar a correspondencia que pensaba transportar cara algunha oficina de Buenos Aires, pois ía cheo de campo. A este puidémolo convencer de que o partafolios llo ían dar os seus empregadores e de que a chaqueta ía mellor como todas. A crúa realidade levouno a traballar ao campo da Pampa, a morrer e a quedar nela.

Publicado en El Correo Gallego (21-10-16)

POESÍA EN BONAVAL

fraga-1O grupo na pasada edición do festival (Fotografía de Ángel Utrera)

Este domingo ás 11h comezará en San Domingos de Bonaval un encontro poético con música e arte plástica en apoio da palabra. Poetas de toda Galicia farán a quinta edición dunha cita poética itinerante convocada por Ángel Luis Utrera Baza, namorado da palabra e da fotografía que atopa na poesía o eixo vertebrador de sensibilización social. Será a V realización duns encontros flexibles promovidos para servir coa poesía diferentes causas. A I edición foi hai cinco anos en Melide por chamada de Soqui Cea, Xosé Vazquez Pintor e Antom Laia par dar coñecer a vila a través dun roteiro. A II aconteceu arredor dun magosto nos Pendellos de Agolada. A III fíxose na Estrada, por convocatoria de David Otero. Baixo a dirección da Asociación cultural Vagalumes rendeuse homenaxe a Marcial e Avelina Valladares en Berres, e a Garcia Barros na súa casa natal, para despois acabar a carón do Ulla. O IV convocouse na capital do Deza en colaboración coa asociación cultural O Naranxo e a plataforma Salvemos as Fragas de Catasós. Foi un acto reivindicativo das fragas, os bosques e a biodiversidade dun país estragado pola especulación, a senrazón dos cartos e inda a incompetencia de políticos ao servizo dos poderosos. Cabo de carballos e castiñeiros quedaron en taboleiros de madeira poemas e palabras de mais de vinte poetas. O V encontro vai reunir no lugar máxico de Santo Domingo de Bonaval a uns vinte poetas, e a músicos escritores e artistas que empezarán por unha homenaxe ás personalidades soterradas no Panteón de Galegos Ilustres. Haberá música de gaita acompañando este primeiro momento e outras diferentes ao longo da mañá, co telón de fondo da mirada do pintor Xullo Garcia Rivas. Entre os participantes estarán Miguel Ángel Alonso Diz, Romina Bal, Luz Fandiño, Xoán Xosé Fernández Abella, Miriam Ferradáns, Antonio García Teijeiro, Antom Laia, David Otero, Lorena Rei, Mª Neves Soutelo, Ramiro Vidal Albariño e Ángel Utrera. Eu non poderei acudir como quería porque me require outra actividade comprometida con anterioridade.

fraga-1-copiaMembros do grupo desprazándose pola fraga (Fotografía de Ángel Utrera)

Pregúntolle ao convocante, que me honra coa súa amizade, se esta actividade é produto do contacto coas novas tecnoloxías e dime que, inda que as redes sociais facilitan estas convocatorias, el estivo desde sempre facendo da palabra e da arte un vínculo emotivo que se asente na cultura popular, libre e espontánea, veña de quen veña e sexa como sexa. Tamén me di que non é un activista cultural, porque non debía facer falta andar animando a ninguén a que aprece e mostre publicamente a riqueza da nosa cultura e do noso patrimonio. Non obstante, é obvio que as redes sociais multiplican as posibilidades de comunicación propiciando este tipo de xuntanzas e que son máis necesarias que nunca persoas con capacidade organizativa e entusiasmo desbordante para que a abondosa masa dispersa da cultura levede xunta e produza o pan que alimenta a dimensión social da actividade artística sen a que a vida humana non ten saúde.

Publicado en El Correo Gallego (14-10-16)