PRIMAVERA EN MOSKBA

No ano 2000 vivín 3 primaveras. En marzo, a da Ática grega. En abril, a da Ría de Arousa. E a finais de maio, a de Moksba, a máis diferente e impresionante de todas.

metro

 

Baixa no río Moksba esfiañada

a fría primavera.

Detense nos meandros da cidade contemplando a desidia

que permitiu quedar a fouces e martelos

alzados como ameas.

As árbores das marxes non deron amputado

as moitas ponlas que matou o frío

e contrastan agora esa gangrena

cos verdes gromos que reconquistaron

un ano para a vida.

Resucitan as flores das lileiras polos xardíns do Kremlin.

Delicadas e tristes como as momias de ensaio

dos químicos Zbarski,

envían ata o rubio mausoleo

no que Lenin repousa, deus ateo de puño paralítico

en traxe bianual,

primaverais aromas.

Ben saben que hoxe hai momias

de vulgares heroes por uns doce mil euros

pero elas negaranlles o perfume

porque seguen gardando a férrea disciplina

da distinción con honra.

 

Da praza Oktiabraskaia

saíu en taxi a guapa Ekaterina

para alugarlle o  corpo a un petroleiro

na mellor suite do Radisson Royal,

onda a estación das lámpadas de araña

de onde saen os trens de adolescentes

que nunca volverán da guerra de Chechenia.

No parque Gorki

un fornido Dimitri cambaleante

recita nos menhires de Breznev, Marx, Stalin e Dzerzhinski

vellos poemas revolucionarios

sulagados en vodka apurrelada

e arenque marinado.

 

Vou polas catedrais dos tempos todos,

de San Basilio ás Estacións do Metro,

e pido un té na barra

da tenda que inda ocupa un palacete

e hoxe vende beluga a novos ricos.

E volvo á Praza Roxa,

porque vin a traer memoria herdada

que paseo en silencio por onda o Hotel Rossiya

e as cinsas proletarias de meu pai

atópanse coas hordas

que soben admirar o Gran Irmán

tras das súas vidreiras.

lenin

Publicado en Xistral, revista lucense de creación poética nº 19 (2016)

 

Advertisements