O TRAXE

minirrelato

A Gregorio, o xastre de Penamaior, leváronlle unha mociña a que lle ensinase a coller a agulla e o dedal, o que os paisanos chamaban “desarnarse”, a ver se valía para adquirir o oficio. A mociña, ao cabo de dous meses, sabía xa con algún fundamento as primeiras tarefas dunha oficiala.
Aproximábase o San Lourenzo e ela axudou nos dous traxes encargados para a festa. Un pertencía ao mourádego dunha casa boa que a ela lle enchía o ollo e inda máis á familia. Era bo mozo, o traxe quedáralle moi ben caído e, ao saír da misa, as nais chufaban o mourádego e o ben que lle sentaba a vestidura.
Nun dos corriños da conversa estaba a nai da mociña, que dixo con entusiasmo:
-Pois o traxe fíxo xa a miña filla.
Inda ben non soltara a frase, deuse conta de que tiña o xastre a carón mirándoa en fite e viuse obrigada a engadir de inmediato un pequeno detalle:
-Con algo que lle axudou aquí Gregorio.

Advertisements