cravo

8
Serafín da Pereira cando foi quinto non superou a talla mínima e volveu para a casa exento do servizo militar. Primeiro tomouno con aprensión e andou amoucado, pedíndolle alternativamente á Virxe do Cebreiro e á de Tarnas que a xente non se dese conta do seu caso.
Despois foise animando porque lle pareceu que tiña unha característica pouco común que mesmo o podía facer importante. E tanto medrou por dentro con esta idea que empezou a falar de tal feito cos máis próximos a ver que pensaban verbo diso.
Como o comentario que lle facían é que se librara de estar no cuartel pasándoas putas, cavilou en que ser baixo era moita sorte de Deus e pasou a andar moi contento botando gargalladas por menos de nada, inda que non falase abertamente do tema.
Cando chegou a vello, requintou máis aquela pasada fortuna poñéndoa como centro do seu curriculum vitae:
-E cando me mediron para ir ao servizo dixéronme: “Corto excluido sin talla ninguna”..
A xente ríase polo baixo. A el poñíaselle cara de ter sido, por esa razón, o home máis feliz do mundo.

Advertisements