O GRAMÓFONO

moucho

Don Pedro de Meizarán (Don Pedro Cela Cela y Cadórniga, dicía el nas presentacións) foi onda o xastre Abelardo para escoitar un disco no gramófono Víctor, o da imaxe dun Fox Terrier Nipper escoitando. Abelardo púxolle o tango “Se va la lancha” e el, ao acabar, colleu o equipo nun brazado para o levar á casa do Dr. Vilamarín, o home dunha irmá que o tiña acollido.

-Seino manexar, Abelardo –berrou baixando as escaleiras-. Temos un igual en Meizarán.

O xastre foi detrás para recuperalo. Xa no salón de visitas, Dª María quixo disculpar a seu irmán, como tantas veces:

-Vaia, Abelardo. Pedro foino quitar de traballar. Canto o sinto!

-Non se preocupe –mentiu con elegancia-. Neste momento estaba ocioso.

-Claro que, xa que está aquí, agradeceríalle moito que me permitise escoitar algo de música –pediu ela-. Sempre a boto de menos.

-Non faltaría máis, señora. Pero Vdes. teñen un igual en Meizarán, ¿non si?

E D. Pedro adiantouse a responder cun berro que rompeu o recollemento que o apousento requería:

-Non!!!!

Advertisements