cravo

8
Serafín da Pereira cando foi quinto non superou a talla mínima e volveu para a casa exento do servizo militar. Primeiro tomouno con aprensión e andou amoucado, pedíndolle alternativamente á Virxe do Cebreiro e á de Tarnas que a xente non se dese conta do seu caso.
Despois foise animando porque lle pareceu que tiña unha característica pouco común que mesmo o podía facer importante. E tanto medrou por dentro con esta idea que empezou a falar de tal feito cos máis próximos a ver que pensaban verbo diso.
Como o comentario que lle facían é que se librara de estar no cuartel pasándoas putas, cavilou en que ser baixo era moita sorte de Deus e pasou a andar moi contento botando gargalladas por menos de nada, inda que non falase abertamente do tema.
Cando chegou a vello, requintou máis aquela pasada fortuna poñéndoa como centro do seu curriculum vitae:
-E cando me mediron para ir ao servizo dixéronme: “Corto excluido sin talla ninguna”..
A xente ríase polo baixo. A el poñíaselle cara de ter sido, por esa razón, o home máis feliz do mundo.

Advertisements

O TRAXE

minirrelato

A Gregorio, o xastre de Penamaior, leváronlle unha mociña a que lle ensinase a coller a agulla e o dedal, o que os paisanos chamaban “desarnarse”, a ver se valía para adquirir o oficio. A mociña, ao cabo de dous meses, sabía xa con algún fundamento as primeiras tarefas dunha oficiala.
Aproximábase o San Lourenzo e ela axudou nos dous traxes encargados para a festa. Un pertencía ao mourádego dunha casa boa que a ela lle enchía o ollo e inda máis á familia. Era bo mozo, o traxe quedáralle moi ben caído e, ao saír da misa, as nais chufaban o mourádego e o ben que lle sentaba a vestidura.
Nun dos corriños da conversa estaba a nai da mociña, que dixo con entusiasmo:
-Pois o traxe fíxo xa a miña filla.
Inda ben non soltara a frase, deuse conta de que tiña o xastre a carón mirándoa en fite e viuse obrigada a engadir de inmediato un pequeno detalle:
-Con algo que lle axudou aquí Gregorio.

XORNADAS DE NORMALIZACIÓN

15078890_10202504474488808_525109984706759512_n

Hoxe venres desenvolverase no Centro Abanca Obra Social da Praza de Cervantes de Santiago a XII edición das Xornadas de Normalización Lingüística das Escolas Católicas de Galicia, cun apretado programa de nove e media da mañá a dúas e media da tarde. A inauguración correrá a cargo de Mónica Maseda, membro da xunta directiva de Escolas Católicas e directora do colexio Mª Assumpta de Noia. A seguir, os organizadores teñen a xenerosidade de facernos unha homenaxe a Xesús Rábade Paredes e a min, como escritores e profesores con responsabilidades de asesoramento en normalización para os centros de ensino a principios dos anos noventa, homenaxe que recibimos con especial agradecemento vindo de persoas que traballan porque Galicia conserve o idioma, elemento xenuíno da súa identidade. Relatorios de Elisardo López Varela (A contribución dos EDLG no proceso de normalización lingüística), Antón Riveiro Coello (As posibilidades de Carlos Casares) e Vicente Feijóo (A toponimia como ferramenta normalizadora do ensino), e a presentación de experiencias arredor do galego oral realizadas nos centros Santa Xoana de Lestonac (Ferrol), Compañía de María (Santiago) e Calasanz (Escolapios da Coruña), e a Regueifesta dos IES Maximino Romero de Lema (Baio) e Marco do Carballón (Vila de Cruces) constituirán os contidos da xuntanza. Despedirán os regueifeiros Luis O Caruncho e Bieito Lobariñas, e clausurará o Secretario Xeral de Política Lingüística.

Con algúns destes centros teño traballado naquelas datas con moi especial satisfacción, porque mostraban ganas de normalizar a lingua. Daquela parecía relativamente posible facelo no ensino, inda que moitos de nós tiveramos dúbidas de como se levaba o proceso. Lamentablemente, os tempos viñeron darnos a razón. O Colexio La Salle de Santiago, coa inestimable colaboración do irmán Reboiras, estaba disposto á iniciar unha aula de inmersión lingüística para o primeiro curso de infantil no periodo 1995-1996. Non se puido levar a cabo porque Política Lingüística acabou coa función asesora dos profesionais seleccionados e formados para prestar este servizo sen data de caducidade inmediada. A palabra inmersión pasou a significar unha ameaza se a lingua ensinada é o galego, inda que sexa o mellor método para aprender calquera outra. Máis tarde a palabra normalización foi substituída por dinamización. A guinda púxoa o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, aprobado en contra dos ditames das instituciones con capacidade de emitir informes. A lingua entrou en franco retroceso nas primeiras etapas. É triste comprobar que en contextos nos que falan galego todas as xeracións, a familia pode decidir que se obvie a alfabetización nesa lingua, mesmo contra a Lei de Normalización. E tamén que o que aparece escrito no encerado, como as matrices das datas que se cambian todos os días, estea en inglés, igual que os murais de traballo nas paredes.

Publicado en El Correo Gallego (18-11-16)

PRIMAVERA EN MOSKBA

No ano 2000 vivín 3 primaveras. En marzo, a da Ática grega. En abril, a da Ría de Arousa. E a finais de maio, a de Moksba, a máis diferente e impresionante de todas.

metro

 

Baixa no río Moksba esfiañada

a fría primavera.

Detense nos meandros da cidade contemplando a desidia

que permitiu quedar a fouces e martelos

alzados como ameas.

As árbores das marxes non deron amputado

as moitas ponlas que matou o frío

e contrastan agora esa gangrena

cos verdes gromos que reconquistaron

un ano para a vida.

Resucitan as flores das lileiras polos xardíns do Kremlin.

Delicadas e tristes como as momias de ensaio

dos químicos Zbarski,

envían ata o rubio mausoleo

no que Lenin repousa, deus ateo de puño paralítico

en traxe bianual,

primaverais aromas.

Ben saben que hoxe hai momias

de vulgares heroes por uns doce mil euros

pero elas negaranlles o perfume

porque seguen gardando a férrea disciplina

da distinción con honra.

 

Da praza Oktiabraskaia

saíu en taxi a guapa Ekaterina

para alugarlle o  corpo a un petroleiro

na mellor suite do Radisson Royal,

onda a estación das lámpadas de araña

de onde saen os trens de adolescentes

que nunca volverán da guerra de Chechenia.

No parque Gorki

un fornido Dimitri cambaleante

recita nos menhires de Breznev, Marx, Stalin e Dzerzhinski

vellos poemas revolucionarios

sulagados en vodka apurrelada

e arenque marinado.

 

Vou polas catedrais dos tempos todos,

de San Basilio ás Estacións do Metro,

e pido un té na barra

da tenda que inda ocupa un palacete

e hoxe vende beluga a novos ricos.

E volvo á Praza Roxa,

porque vin a traer memoria herdada

que paseo en silencio por onda o Hotel Rossiya

e as cinsas proletarias de meu pai

atópanse coas hordas

que soben admirar o Gran Irmán

tras das súas vidreiras.

lenin

Publicado en Xistral, revista lucense de creación poética nº 19 (2016)