A MORTE DA GALIÑA

paco
Paco da Pereira falou de Visita de Canelas a mesma mañá que don Santiago lle matou a mediodía dunha pedrada a mellor pita por lle escarabellar o pebideiro das leitugas e llo deixar feito un cristo. Aínda que a tirou para o camiño e el a colleu a tempo para a comer –e que ben sabía- púxose outra volta a dar á lingua moi cabreado.
Aí contra a noitiña, a Visita xa lle pasaran recado e veuno acantacear por riba da parede da aira, de xeito que quedou escarmentado de faladuras, de todas as faladuras sen fundamento ou con el.
E pola noite empezou a chufar a tododeus arredor do lume, viñera ou non a conto, para parar as consecuencias, aproveitando as conversas que pasaban os que se ían quentar a aquela lareira case comunal. En canto oía un nome metíase a dicir:
-É a gran persoa.
E nunha destas alguén citou a don Santiago.
-Moi boa persoa, don Santiago. Unha gran persoa.
O interlocutor, que o oíra esbardallar contra el, espetoulle:
-Pero matouche a pita, coño!
E Paco respondeu correndo para chegar a tempo:
-Tivo a culpa a pita por entrarlle na horta. El é unha gran persoa.
Advertisements