O VALSE

Cando D. Santiago abrira consulta pasou a ser o mozo máis valorado entre a burguesía de Cebrea. Por iso as nais avisaran as fillas de como proceder, se se dese o caso, nos bailes que celebraban entre os seus membros no salón do Concello. E ben seguro que todas coincidiran en que o máis importante era non mostrarse desexosas de conquistalo nin acceder á primeira petición, como faría unha calquera.
Nun destes bailes, D. Santiago sacou a bailar a Matilda, que procedía do comercio inda que el fose dunha certa fidalguía operativa para o rango. Todas miraron a escena con envexa, porque non a tiñan pola máis guapa nin sequera pola máis agraciada. Pero D. Santiago debérao facer xusto por iso, por aburrimento ou porque non se fixara sequera en cal era a que sacaba. Xa metido en danza, púxose no papel de conquistador agasalleiro, tanto que antes de acabar o valse xa lle tiña pedido relacións e ela xa lle tiña respondido que o pensaría, que era moi nova e que o compromiso a asustaba un pouco. Xa que logo, el volveuna ao corro moi galante, deu por alí outra volta e, para sorpresa de todas, saíu sen botar máis pezas.
Como pasaban os meses, houbera máis bailes e el non volvera falar con ela, viuno pasar pola beirarrúa un día que non había xente e díxolle desde o balcón:
-Santiago, de aquello sí.
E el mirou cara arriba e co mellor sorriso, sabendo moi ben de que lle falaba, respondeulle:
-Matilda, de aquello no.

Advertisements