COMO UN NIÑO

Como un paxaro
agacha o piñeiral
este seu niño.

Advertisements

MARIFÉ QUESADA “SOCIA DE HONRA DE GÁLIX, 2016”

O próximo luns día 12, a artista plástica María Fe Quesada será nomeada Socia de Honra de GÁLIX, Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil que, sen ánimo de lucro, trata de  visibilizar e promover a cultura e a lingua galegas a través da literatura. O acto de nomeamento celebrarase no IES Valadares (Vigo) ás 12h nun acto escolar aberto ao público ao que asistirá alumnado que participará activamente e manterá con ela un coloquio. A laudatio da homenaxeada correrá a cargo da escritora María Xosé Queizán e o presidente de GÁLIX, Xosé Antonio Perozo, faralle entrega dunha escultura-símbolo desta distinción deseñada pola tamén membro de GÁLIX, a artista Noemí López. Ata o de agora tiñan sido galardoados o xestor cultural e persoa decisiva para a creación da veterana asociación, Xabier Senín, que inaugurou a honrosa lista. A seguir,  Xosé Neira Vilas, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Xoán Babarro e quen isto escribe. Marifé Quesada é a primeira ilustradora e membro pertencente a un dos colectivos ben potentes que constitúen a entidade. Vaian, pois, os meus mellores parabéns para a galardoada e para a xunta directiva de GÁLIX por considerar o labor de todos os seus colectivos, que son os actores e amantes desta marabillosa ferramenta lúdica e formativa que é o libro para a xente máis nova. Entre os compoñentes creativos de GÁLIX hai persoas moi valiosas que son coñecidas dentro e fóra do país. Marifé Quesada foi pioneira na ilustración dos nosos libros e ten numerosos premios e distincións nacionais e internacionais polo seu dilatado traballo xa a través dunha brillante carreira artística. Di que aprendeu de seu pai, o pintor Antonio Quesada, a emocionarse co seu traballo e a non lle ter medo ao risco. E tamén a non dar nunca por finalizado nada do que non estivera plenamente orgullosa. E abofé que conseguiu ben estas aprendizaxes, ademais da técnica ao servizo da súa especial percepción da tenrura infantil que destilan todos os seus marabillosos debuxos.

Son privilexiada por entrar moi axiña en contacto coa artista Marifé Quesada xa que me ilustrou catro libros: “O día que choveu de noite” (Galaxia/Elkar/La Galera, 1983) “A cidade de Aldara” (Casals, 1989), “O avó de Pipa” (Bruño, 1991)/ “El abuelo de Pipa” (Bruño, 2005) e “Un rato na casa” (Galaxia2007). Puiden elixila unha vez de ilustradora, porque cando escribimos para a infancia non adoitamos ter ocasión de decidir quen vai poñer caras aos nosos personaxes nin pintar as atmosferas que deixamos en palabras. Quen dan por fin vida a esas palabras son artistas que rematan a nosa obra e mesmo a anteceden poñendo ao alcance das nenas e dos nenos, a través da súa especial e interposta creatividade, os contidos que nós ideamos e terán unha lectura posterior a ser gozados en debuxos. O seu valor é de tal importancia nos libros destas idades que hoxe se consideran, inda que non sempre foi así, obra en coautoría.  Graciñas, Mari Fe, pola túa complicidade.

Publicado en El Correo Gallego (09-12-16)