NO DÍA INTERNACIONAL DAS MONTAÑAS

 

Son río que paríu un manancial

de prado con narcisos

que a primavera borda nos Ancares,

río que escorregou por esmeraldas

nas saias moles onde chega o amor

cegar nos intres amorosos galos

que por amar non senten vir a morte.

 

Na rosa azul e branca deses montes

como en día de chuvia

sentinme deslizar bicando pétalos

de calizas azúis, de seixos brancos

de árbores sen idade.

 

Eu son un dos seus ríos,

aquel que veu desembocar máis lonxe

sentindo a señardade da nacencia.

Advertisements

OPERACIÓN FINANCEIRA

Chegaron os cómicos anunciando espectáculo para a noite na Praza do Concello. Paraban en Cebrea algunhas veces e, inda non tendo calidade, eran unha alegría no velorio permanente do altofranquismo. Pola noite non faltaría ninguén que puidera moverse a aquela cita.

Os cómicos non cobraban, pero no medio da actuación, saía unha rapaciña vestida de andaluza e pasaba bandeixa para recoller “la voluntad”, que se media en calderilla menor.

Aquela noite, en chegando a rapaciña por xunto del,  Xosé de Piñón estirouse, enconlleuse, intentou pasar desapercibido para non dar nada. Mais, como lle pareceu que o miraban moitos ollos, preguntoulle ao xenro que tiña ao lado e acababa de botar algo:

-E el terás 10 céntimos, Fortunato?

O xenro buscou a perragorda na ciscallada que volvera ao peto e deulla.

E Xosé empezou outravolta, a arte da camuflaxe ata que se creu libre de miradas  avesulladoras, incluída a do xenro. Daquela pechou o puño e meteu a perragorda no peto.

Pero había alí os ollos doutra rapaciña que  non perdeu ripio do que pasaba ao seu redor.

Foi a primeira vez que presenciou unha auténtica operación financeira.