PRACER

Gladiolo, espada
que penetra o meu corpo
e me dá gozo.

Advertisements

ROUBO DE PLAXIO

Cando educaba, porque tal tiven como prefesión, non permitía que o alumnado copiara para facer pasar algo por propio. Antes de nada, explicaba nas clases, para que non quedase lugar para a sorpresa, que consideraba roubo o feito de apropiarse do saber doutra persoa e, polo tanto, ese era un feito moi serio para o pasar por alto. Había alumnos e alumnas que o entendían, mais tamén quen non conseguía ver niso nada anómalo se se facía ás escondidas. Algúns compañeiros e compañeiras tamén concordaban comigo, pero había quen pensaba que a aprendizaxe da arte de copiar ben merece un premio en lugar dun castigo. Falo dun alumnado preadolescente e adolescente, etapas nas que as actitudes que se adquiren e se asentan se van transferir despois á personalidade completa. Así que, con relación ao traballo que se desenvolve coas palabras, sexa de información, creación ou investigación, debe ensinarse e esixir que ten que ser persoal, constar a coautoría se a houbese e indicar o que sexa cita textual. Cada vez estou máis firme en que o feito de apropiarse do saber doutra persoa e ao mesmo tempo tratar de arrancar unha nota que non se corresponde coa aprendizaxe non é menos grave que outro tipo de roubo ou inmoralidade das que polo xeral adoitan ter punidade e ser mal vistas.

Fago esta introdución para me referir ás acusacións de plaxio que lle fan varios autores ao Reitor da Universidade Rey Juan Carlos, profesor Fernando Suárez Bilbao. Porque neste caso escandaloso xa non é encargarlle a un mal chamado “negro” que escriba na sombra o que outro vai asinar, que debe ser frecuente cando vemos publicados libros de quen lle custa expresarse e mostrar unha idea suficientemente cohexionada. Ou que esa persoa mal chamada “negro” escriba algunha páxina para un libro. Hai moitas páxinas así escritas cando cómpre facelo en prólogos, e epílogos, de obras alleas, que si asina quen escribiu o seu contido principal, pero hai próceres que asumen o deber de prologar ou epilogar todo o que cren que lles compete e non teñen nin tempo dadas as súas múltiples ocupacións. Este é un pecadiño menor ao lado do gran plaxio do século. “Entre moitas outras fontes, a erudición de Suárez Bilbao nutriuse sen taxa de copias literais e pasaxes completos dunha conferencia de José Cervera Pery, unha tese doutoral de Rafael Pérez Peña, outra de Jaime Salazar Acha, un artigo de Carlos Barros sobre a peregrinación a Compostela, outro de Javier Sanz Larruga, tamén de traballos de historiadores extranxeiros, como Robert Bonfil, Bernard Vincent e Michele Luzzati”, di David Torres en “Cuarto Poder”. E el segue de reitor, contra toda decencia. E, se o obrigan a abandonar o cargo, seguirá de profesor pletórico de autoridade para ensinarlle ao alumnado a traballar con honradez intelectual e para poñerse esixente se alguén tivese a ousadía de lle presentar un traballo copiado. Certamente, a Universidade Española merece e precisa conservar o seu gañado prestixio.

Publicado en El Correo Gallego (23-12-16)