OS NOMES DO ACIVRO

Xardón

Son moitos os nomes da árbore –ou alto arbusto- máis propio do noso Nadal debido á gran mistura cultural que atesouramos. No proceso de normativización ou estandarización da lingua, que tende a unificar as variantes, triunfa acivro. Mais o lugar poboado de acivros chámase acevedo, porque acevo é outro dos nomes frecuentes. O Instituto da Lingua Galega (USC) ten recollido 39 palabras que o sustantivan. Os nomes aparecen situados no mapa cunha representación simbólica. A maioría delas son variantes de outra. Algunhas fan referencia ás súas características específicas, como os remates puzantes das follas, ou á condición de ser mala planta, (herba do demo, herba da envidia, azoutacristos…) e mesmo as hai de apropiación do nome doutra planta por confusión ou coincidencia no uso simbólico desta época do ano, como é o caso de muérdago. Na terra ancaresa chamámoslle xardón por oposición a xarda, pequeno arbusto de follas de borde liso con pincho no seu remate que tamén produce froitos vermellos moi similares, inda que non en acios. De ambas plantas poderíase extraer unha ponliña capaz de mancar ben se se dera con ela, de cumprir aquel dito de “Lástima de xardola!” para se referir a que alguén debía recibir unha xostrada correctora. Inda que non se use a variña para castigar, os seus supostos valores medicinais fixérona considerar curativa para o torzón dos cabalos que os facía envorcarse de dor polo chan. E para coutar este mal vendíanse xa preparadas nas feiras cabalares, especialmente nas da Ascensión e do Apóstolo de Santiago. En Melide aseguraban que o remedio era tan eficaz que abondaba con tocarlle na pel para que o cabalo se puxera a mexar de contado, tal como se recolle na monografía “Terra de Melide”.

Xarda

Sexa cal sexa o nome, posúe gran valor ecolóxico por proporcionar alimentación invernal ás aves cos seus froitos encarnados, sendo o sustento fundamental da “pita do monte” ancaresa, especie protexida en franco perigo de extinción. Máis tamén ten o extraordinario valor simbólico que lle foron adxudicando as diversas culturas. Os celtas considerábana árbore sagrada con capacidade para atraer a boa sorte e utilizábana nos rituais dos solsticios de inverno e de verán, resultando así un elemento moi unido ás festas cósmicas ou agrarias. Coa cristianización dos rito pagáns aparece traspasada non só ao Nadal senón tamén ao San Xoán. Segundo a tradición, namórase unha moza cortando unha ponla de acrivro ás doce da noite de San Xoán e pasándoa trece veces baixo as ondas do mar mentres se reza un credo cada vez. Despois ten que tocarlle ela dalgún xeito ao aciviño e quedará prendada sen remedio. Os romanos asociábana ás festas de finais de decembro, as Saturnais, que se celebraban na honra de Saturno, o deus da sementeira. Quizabes este costume cristianizado reforzou o papel do acrivro nas festas de Nadal nas que conflúen coa relixiosa outras vellas celebracións asentadas no territorio que hoxe chamamos Galicia.

Publicado en El Correo Gallego (30-12-16)

Advertisements