CAMBIOS EDUCATIVOS

Cando escribo esta columna, xa foron asasinadas tres mulleres este ano en España polas súas parellas. Un dos asasinos ten 20 anos. Inda está na idade en que ás nais nos parecen adolescentes e nos entran desexos de lles revolver o pelo, facerlles un belisco na meixela e pousarlles un bico na fronte pedíndolles que se porten ben. Non obstante, tivo madurez criminal para lle segar a vida a unha muller con plena frialdade. Destaco o caso polo anómalo que me parece que lle dese tempo a acumular os mecanismos interiores que se cortocircuitan para desencadear un asasinato destas características. Xulgámolos non ben capacitados para andar pola vida, dannos ganas de os protexer e xa poden cargar con semellante acción ás costas. Porque para algúns homes –que son moitísimos- a muller é un obxecto de usar a tirar. E nunca tan profunda carga de sentido ten o verbo tirar como cando falamos dun enterramento. Son crimes execrables que nada os pode xustificar. Son terrorismo doméstico sufrido en silencio por mulleres con dificultades para dicidir, inda estando informadas. Se calan, saben o que as espera día tras día; mais se denuncian, saben que é posible que corran máis perigo se eles toman venganza por esta valentía. A sociedade non sabe protexelas se eles saltan as normas impostas pola lei para acabar con elas. Das que téndoos afastados por lei seguen a vivir con eles ou volven para coidalos se os saben enfermos, non hai dúbida de que as posúe un mecanismo de alienación que se foi creando sen que llelo evitara unha axuda profesional afectiva á que deberan ter dereito.

As mulleres viven en situación de inferioridade con relación aos homes. Non por ter menos forza, como di o maxistrado Antonio Salas nunhas gravísimas declaracións que mostran o que queda por andar contra a violencia machista. Estamos en inferioridade porque adquirimos conciencia da igualdade mentres que a sociedade en xeral non se compromete coas nosas vidas. Os medios audivisuais non poñen a súa capacidade operativa ao servizo da causa. Polo contrario, seguen ofrecendo unha visión machista dos xéneros. Abonda observar o papel da parella home-muller na retransmisións das badaladas do Anovello. Inda que uns máis que outros, a muller póñena a mostrar o corpo como luxoso obxecto decorativo destas datas. E nin sequera resulta doado ver o dano social que pode facérselles ás mulleres con tal proxección ideolóxica: moitísimas conxéneres aplauden e as protagonistas aceptan. Tentamos facer mulleres libres e demos pasos. Xa denuncian o maltrato. Pero é necesario axudarlles aos homes a ser libres exercendo a pedagoxía en todos os ámbitos: familia, ensino, medios de difusión e institucións. Hai que lles ensinar que son libres, pero non donos da liberdade de ningunha muller. Mostrarlles que teñen que aceptar as decisións que elas tomen dentro da parella inda que non lles gusten. E que ese odio que os  leva a matar, planificando os seus crimes, non nace nun home libre.

Publicado en El Correo Gallego (06-01-17)

 

 

 

Advertisements