NOVA ACADÉMICA DA RAG

Marilar Aleixandre, Helena Villar, Pilar Vázquez Cuesta, Camino Noia e de pé, probablemente, Helena González. A foto está tomada nunha cea de mulleres relacionadas coa literatura arredor da revista “Festa da palabra silenciada”.

Mañá sábado, no Paraninfo da Universidade de Santiago de Composela, entidade á que pertence como profesora do Departamento de Didácticas Aplicadas (Área de Didáctica das Ciencias Experimentais), lerá o seu discurso de ingreso como membro de número da Real Academia Galega a escritora Marilar Aleixandre. A poeta, narradora, ensaísta e tradutora titula esta intervención: “Voces termando da paisaxe galega”. En nome da Academia, responderá ao discurso a tamén escritora e membro da mesma Fina Casalderrey. Será unha honra asistir a un acto que por forza ha ser moi emotivo para ela mais tamén será un pracer para quen se achegue a un discurso tan suxerente e a súa resposta, e para parabenizar á nova académica que ten ben merecida a distinción pola valía do seu traballo literario, o seu labor científico e divulgador, e a súa conversión a un país e ao seu idioma para vivir nel con plena normalidade. Se nos estraña que tanta xente de noso siga a fuxir da da lingua que é a maior das referencias da nosa cultura moito nos ten que admirar o compromiso moral de quen pasa a asumir a característica máis propia dun país no que vai desenvolver vida e traballo. Hai que parabenizar tamén á RAG que vai facendo aos poucos a súa transición a unha maior presenza de mulleres achegándose á sensibilidade social que xa esperta o feito de que máis da metade da poboación, ata por estatística, debe estar mellor representada nas diversas esferas  da vida social. Afortunadamente parece que prendeu ben a chama deste cambio na institución científica que ten como obxectivo o estudo da cultura de Galicia, especialmente da súa lingua á que serve sendo a instancia superior de todo o que ao idioma lle compete.

A pertenza á RAG é unha distinción moi importante para calquera persoa que se dedique ao mundo da cultura e moi especialmente á creación coa palabra. Pero é un asunto de gracia, de valoracións persoais dos membros numerarios que fan a proposta e finalmente do resultado dun proceso de votatación secreta. Polo tanto, creo que debe haber persoas que, en humildade franciscá, non soñaron nunca con tal honra por crela por encima das súas posibilidades, da mesma maneira que haberá outras que se considerarán unxidas por algún deus para merecer esta honra por encima de todo. A maiores, dedicarán parte da súa enerxía a procurar situacións de apoio a longo, medio e curto prazo para recibir tan prezado título, sabendo que se dá por gracia e que só se van ocupando as cadeiras de quen acaba o tránsito por este mundo, pois os nomeamentos son vitalicios agás en caso de grave desleixo coa institución. E canto deben sufrir se hai algún cambio e ven que non os afecta!. De calquera xeito, quen resulte elixido nos casos de vacante, e que ben que o sexa unha muller cando inda non están debidamente representadas nas cadeiras da Rúa Tabernas, ben pode telo a honra e ben nos podemos alegrar como país de que a RAG siga o seu curso normal, inda máis normalizado.

Publicado en El Correo Gallego (13-01-17)

Advertisements