FEBREIRO, MES ROSALIANO

A fundadora da nosa literatura contemporánea, e grande da universal, naceu o 24 de febreiro de 1837. A información que recibiu do seu nacemento situono no 23, razón pola que asinou nesa data “Follas novas”, como fixera con “Cantares gallegos” o 15 de maio, aniversario de Murguía. Das dúas datas biográficas máis importantes das persoas, a do inicio e final do seu existir, a de máis transcendencia é a primeira porque abre as posibilidades do desenvolvemento propio e da influencia social que poida exercer, extraordinaria no caso da nosa autora. Ela ergueu o idioma da postración na que se atopaba despois de varios séculos, dándolle memoria escrita nun dos libros máis queridos polos galegos de aquén e de alén mar, que eran moitos naquela sangría de Galicia. Verbo da nosa polifacética escritora, á data que se lle deu maior relevancia foi á do seu pasamento o 15 de xullo. Mais xa di nun artigo Plácido Castro que Galicia ben podía copiar de Escocia a visibilidade do cariño que mostraba ao seu poeta nacional, Robert Burns, ao considerar o día do seu nacemento como unha festa nacional.  E é que en Escocia, para homenaxear o poeta que se ocupou das zonar rurais, dos temas folclóricos dese territorio desde a perspectiva das clases populares, da pobreza, dos roles sexuais e mesmo da igrexa escocesa, celébrase ese día cunha cea na que, acompañado polo son das gaitas, se recita o seu poema “To haggis”. Para Plácido Castro o 24 de febreiro debería ser o Día de Galicia.

Nesta última década, a conmemoración do 24 de febreiro estendeuse na sociedade dun xeito sorprendente. Unha sinerxia de esforzos dalgunha xente fixo posible que a xornada se estea desenvolvendo como levedada. Hogano, desde a AELG anímase a agasallar ese día cun libro en galego e unha flor. Tamén promove que se realicen actos nos centros de ensino e en espazos públicos con colaboración de Concellos baixo o lema #RosaliaTe, conducentes a afondar na diversidade temática da obra rosaliana. Está elaborando o seu manifesto anual que se lerá o domingo 19 e anima á toda a sociedade a facer lecturas colectivas en vilas e cidades. Tamén solicita dos Concellos que declaren o 24 de febreiro “Día de Rosalía de Castro”, sendo ata o momento 49 os que se sumaron á iniciativa, conxuntamente coas Deputacións d’A Coruña e Lugo.  A maiores destas actuacións, que parten dos profesionais da escrita, estes días Rosalía vén de recibir dous agasallos que de alto valor simbólico: será a epónima do aeroporto de Santiago, desde o que partiu tanta xente para a emigración europea e mesmo americana nos últimos anos, e un avión das liñas áereas Norwegian lucirá unha das súas imaxes máis coñecidas no temón. A compañía noruega homenaxea a mulleres escandinavas e do resto de Europa que destacaran pola súa actividade benefactora para a humanidade. Que Rosalía estea nesa nómina debe encher de orgullo o pobo que ela serviu coas armas máis pacíficas de todas: o pensamento e a pluma.

Publicado en El Correo Gallego (10-02-17)

 

“A CASA DO PATRÓN”

A “Aurela do Castro”

Desde a aldea de Codeseda (parroquia de Doade, en Lalín) vense os castros de Doade, Vilanova, Soutolongo e A Xesta. O de Doade, “Aurela do Castro”, coroa esta singular aldea convertida nun centro cultural, incluída a gastronomía, de conservación da memoria etnográfica do territorio e, en moitas cousas, de toda Galicia. O elemento motor desta valorización do lugar e do rural en conxunto é un negocio familar, “A casa do Patrón”, complexo de restauración que promove a cultura traballando a través dos visitantes e das escolas con talleres nos que realizar labores artesanais que desapareceron ou están a punto de desaparecer. Teñen como apoio o museo máis grande de Galicia: 2.000 m2 de exposición distribuídos en tres casas da aldea que mostran máis de 4.000 pezas recollidas por todo o país. O Museo Etnográfico Casa do Patrón está rodeado de arboreda autóctona (carballos, castiñeiros,..) e próxima ao río Asneiro, entorno que aproveita para desenvolver actividades ecolóxicas, como as rutas de sendeirismo e coidado do medio a través de talleres de reciclaxe. O valor da gastronomía que ofrece este conxunto cultural está en consonancia co valor de todo o traballo, porque é encadrable na memoria do país. Os produtos cos que traballan son autóctonos e de primeira calidade, e os pratos pertencen a unha gastronomía que precisa ser coidada como un ben cultural a protexer: a nosa comida tradicional, moi nomeadamente da zona na que se asenta esta casa. As empanadas rurais dos fornos de sempre, co pan de sempre e ao xeito de sempre, tanto as de touciño e chourizo como as de bacallau, son extraordinarias. O cocido e os pratos de carne teñen o sabor que as persoas maiores inda gardamos no padal. E eu quero valorar moi particularmente esas patacas rotundas nada doadas de atopar na restauración. Os labores que desenvolve a “Casa do Patrón” cos seus visitantes son estacionais e están dirixidos ao público en xeral a nivel individual, familiar, grupos escolares, asociacións, institucións e colectivos de cualquera tipo. Distribúense durante o ano arredor do millo (esfolla, moído elaboración e cata do pan) e da castaña (recollida e magosto); do liño (fía e tecido) e da malla (mostra de artesanía en vivo, exposición das máquinas que substituíron esta dura tarefa e a propia malla, da tradicional á pedra ou con malles á que usa máquinas modernas.  E xornadas de  medicina natural con intervención de especialistas.

Comensais ante un cocido

Arredor da gastronomía, os clientes da “Casa do Patrón” atoparán a antiga taberna-minimercado musealizada nunha casa. Outra casa rural musealizada coa especial distribución, enxoval, roupas de vestir, útiles de oficios de elaboración alimentaria… A casa-museo de múltiples oficios, biblioteca, aula de traballo e os moi interesantes achados do castro, en depósito, relacionándoos co seu desenvolvemento posterior. E a croa do castro mesmo, onde xa se poden ver as estructuras das dúas vivendas atopadas nas recentes excavacións.

No museo do liño

Publicado en El Correo Gallego (03-01-17)