Arquivo por meses: Marzo 2017
LITERATURA INFANTIL. De Saint-Exupéry a Casares
Un ano antes da súa morte, Saint-Exupéry publicou “Le Petit Prince”, vertida cedo ao galego por Carlos Casares, o gran creador literario que intuíu divinamente como hai que escribir para a infancia. Esta grandiosa fábula universal é boa mostra da literatura que poden ler nenas e nenos. O terceiro libro máis vendido do mundo –detrás da Biblia e de O Capital– nin é doado de comprender (non é preciso que entendan todo o que len, chega con que o reinterpreten máis tarde), nin trata dun tema lúdico porque é pura filosofía vital, nin ten patrón didáctico aínda que faga pedagoxía dos sentimentos. É unha obra mestra pola carga de emoción tan ben dosificada por un escritor que esparceu a tenrura no simbolismo da fábula. A tradución de Casares está tan ben feita que dá a sensación de estar lendo o orixinal, mesmo a quen temos manexado este con frecuencia. Carlos Casares escribiría algunhas das páxinas máis brillantes da nosa literatura para infancia deixando nela pegadas de vontade estética, contidos dun mundo referencial, carga semántica e esa dose do absurdo que subxace na percepción e na expresión das criaturas noviñas, que é ás que el adoite dirixirse. Na relación asimétrica que se establece entre quen escribe para a infancia e a propia infancia que le, debe haber por parte do creador complicidade na transmisión de valores, emotividade da linguaxe como xogo, humor, un toque de absurdo, moita fantasía, esforzo de adaptación ao estadio de desenvolvemento da linguaxe nese anos e a técnica que dirixa todo o proceso para o converter en literatura.
Téñome preguntado por que os estudosos consideran a literatura infantil como un xénero diferente aos outros. Por que mesturan a narrativa, a lírica e o teatro, nunha soa categoría á parte. Certo é que esta literatura está toda ela traspasada por un sentimento especial creado pola actitude de quen se enfronta á recuperación da propia infancia amamantando un estado de ánimo primaveral permanente, que é o que lles corresponde aos anos da gran plasticidade. Pero non se pode dubidar de que a infancia receptora lle esíxe ao creador tela en conta cunha actitude, teorizada ou inconsciente, para pórse a traballar. É esa actitude quen lle permite recuperar a emoción dos primeiros xogos verbais (ritmo e sonoridade), vivenciar a adquisición dos contidos culturais nos que chegou a crer e regresar desde os esquemas máis conscientes ao inconsciente colectivo. E considero eu que sempre o fai a través dos xéneros establecidos ata hoxe. Tomando como modelo a valiosa obra infantil de Carlos Casares –que sorte ten este ano o profesorado coa programación das actividades para celebrar o Día das Lestras Galegas-, inda que toda ela estea traspasada dun certo lirismo emotivo, cando escribe contos narra mesmo ás veces de forma moi próxima ao que fai nos seus relatos curtos e cando escribiu “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas” non hai dúbida de que el escribiu unha obra de teatro.
Publicado en El Correo Gallego (31-03-17)
IMAXES ROTAS
LAVADOIRO
ONDULACIÓN DO TEMPO
DO NACEMENTO AO DÍA MUNDIAL DA POESÍA
A poesía foi a primeira expresión literaria de todas as culturas. A función creativa da lingua naceu para cantar o que pasaba na pequena contorna na que os primeiros grupos humanos empezaban a desenvolverse. Os fenómenos que asustaban, os feitos que apaciguaban, a experiencia emocional que empezaba a acumularse, os cambios da terra nas estacións, o nacemento e a morte, todo precisaba unha voz xa liberada da pura animalidade. Os aspirantes a humanos deixaron de berrar e de laiarse como única expresión con sons larínxeos e crearon a comunicación simbólica coa voz articulada dedicándose a cantar as cousas, porque inda non as sabían contar e menos facer reflexións pausadas. Tamén había que transmitir o legado experiencial para que non acabara coas persoas e coas xeracións. E de aí naceu a necesidade de buscar fórmulas que permitisen gravar e aprender coa maior fidelidade os contidos que serían perfeccionados e aumentados polas xeracións que se facían cargo daquela memoria inda tinxida coa maxia que conservará a infancia de todos os tempos. Cada pobo foi desenvolveundo a lingua e buscando unha forma de coutar este pensamento rítmico para que fose máis doado de recordar e de repetir. Os marcos podían ser paralelismos, combinación de forzas e lonxitudes silábicas, concordancias de sons e de cadencias… E xa creado o molde propio, puideron ilo enchendo coas fantasías que explicasen todo o que lles foi axiña perceptible: o ben e o mal, a vida e a morte, a grandeza e a derrota, a recompensa e a venganza, o amor e o desamor, … E foron nacendo heroes e heroínas que sostivesen as esperanzas ou que metesen medo, os vencedores das batallas, a orixe humana na grandeza dos deuses, os deuses vingadores das ansias de grandeza dos humanos, as forzas animadas da natureza, os premiadores e os castigadores que puidesen manter os pobos unidos ou enfrontados… As orixes da humanidade non puideron ser doadas e o espírito de loita e permencia había que desenvolvelo e alimentalo coa luz e coa forza daquela palabra mítica, chea de ritmo e creatividade, forzada a expresar as emocións de forma ben distante á comunicación habitual.
Esta forza inda pode mover o mundo para facelo mellor, máis habitable e máis solidario na manifestación da súa diversidade e na libre circulación de ideas. Como tal ben, foi considerada pola UNESCO cando promoveu en 1999 un día para a súa celebración, o 21 de marzo, coincidindo co inicio da primavera que, no hemisferio norte, anuncia o rexurdir da vida tras do letargo invernal. O principal obxectivo desta acción é apoiar a diversidade lingüística e dar oportunidade ás linguas ameazadas de ser vehículo de comunicación artística nas súas comunidades, promovendo o ensino da poesía facendo dela unha vía de expresión que lles permita transmitir os seus valores e reafirmarse na súa identidade restablecendo o diálogo poético co resto das manifestacións artísticas, como o teatro, a danza, a música ou a pintura.
Publicado en El Correo Gallego (24-03-17)
DESMEMORIA
CONSCIENCIA
PRINCIPIO
DÍA MUNDIAL DA POESÍA 2016. HOMENAXE A MIGUEL HERNÁNDEZ NO 75 CABODANO DA SÚA MORTE NO CÁRCERE COMO PRESO FRANQUISTA
O MILAGRE DA ANAINA
Alondra de mi casa,
ríete mucho.
Miguel Hernández.
¿Como cantar desde unha cela impía
cantigas de esperanza, anainas de sosego,
soñar esa xeada que cae limpa nos campos,
entre insomnios e reixas?
¿Como evocar lavercas, azahares,
xasmíns ou risas no silencio escuro
coutado por angustias e dolores,
paredado con medos?
¿Como non escachar tan pronto a pluma
ousa citar o lume desde o frío,
os bicos desde a ausencia
e o xílgaro máis libre desde a gaiola inmunda?
¿Cómo pedir amnesia para os males
cando o cofeo da perversidade
e a pezoña inxectada nos derrota?
Pero a anaina, poeta, ti si sabes
que é milagre profano,
que sae do profundo –risa pluma por pluma–
e se grava na lúa
para canda ela gatuñar montañas,
e chegar ao barrelo no que dormen
os meniños de carne aleteante,
primeiro o teu Manuel e sempre outros.
Eu tamén sei que a anaina da cebola
deixou plumas branquísimas no aire
para apearse del aquela noite
na que eu cumpría dezaoito meses
e ti marchabas cara á eternidade.
E pegóuseme ao sangue noviño coma o orballo
e nel prosegue señardosa, quente,
libre como un barbeito de papoulas.
Abuín, xaneiro de 2010