Arquivo por meses: Abril 2017
PUCHARCAS
ESPERTAR
#PASAXEIRAS. O COTIÁN COMO UNHA VIAXE IRREPETIBLE
“#Pasaxeiras. O Cotián como unha viaxe irrepetible” é un proxecto interactivo de persoas e artes que se van sobrepoñendo nos diferentes niveis de construción. Vén de estar exposto no Palacio de San Marcos de Deputación de Lugo e agardamos velo axiña noutras salas porque o esforzo dun traballo da súa calidade e da súa innovación creativa así o merece. E non só pola súa factura, senón tamén polo tema, xa que trata de entretecer os vimbios das viaxes diarias da xente para afrontar a súa vida que, en moitos casos, son precedidas xa polas longas viaxes dun tempo marcado polas migracións promotoras de cambios moi notorios no mundo e tras dos que se agacha a dor das despedidas. O labor comezou cunha serie de retratos a xente anónima que unha pasaxeira do tren entre A Coruña e Santiago de Compostela, Aymará Ghiglione, foi facendo coa cámara do seu móbil durante varios meses. Son mulleres e homes de diferentes idades e diversas fasquías que pasan o tempo de ida e volta da viaxe de formas ben distintas. Aymará Ghiglione foi subindo esas fotos á rede social Instagram co hashtag #passengers, tras do que unha comunidade internacional de fotógrafos e fotógrafas instagramers retratan a vida nos medios de transporte público no mundo. O traballo tiña a suficiente potencia para promover un debate crítico multidemensional e permanente, e a autora abre as posibilidades de intervención a máis artistas provenientes de disciplinas tan variadas como a pintura, a literatura a música e o audiovisual. A partir das súas imaxes constrúese un mundo creativo intervido polas outras artes que acaba rendendo homenaxe a estas persoas anónimas con dimensións que non permiten ser abordadas nas redes sociais. Aymará Ghiglione seleccionou 16 fotografías representativas das múltiples variables e a partir destas imaxes dixitais a artista Marta Paz pintou 12 cadros dándolles aos personaxes nova vida e novo significado, pois no cadro adquiren unha expresividade matizada e complementaria que os arriquece. A estas novas imaxes acompáñanas as pezas audivisuais de Jose Lemur e Roge Fernández que transmiten a experiencia dunha viaxe en tren, pois recrean os sons e as imaxes fugaces que nun vagón deste medio de transporte se producen e meten a nosa vida nunha paréntese.
A exposición complétase coa aportación de cadanseu microrrelato de Luz Darriba, Rocío Fraga, Ángela Triana, Pablo Gallo, Kike Ganso, Lucía Aldao, Manolo Barreiro, Mabel Montes, Nieves Neira, Luís Valle, Helena Villar e Rubén Panete, inspirados nos protagonistas anónimos das fotos, e cunha peza audiovisual de caracter intimista de Laura Pernás. O deseño expositivo, realizado de Beatriz Asorey, xoga coa creación de atmosferas que axudan á inmersión e fan partícipe ao público da cotidianeidade. O catálogo expositivo incorpora textos da Deputada de Cultura, Mª Pilar García Porto, da Xerente da Rede Museística da Deputación, Encarga Lago, e das escritoras Micaela Darriba e Estíbaliz Espinosa.
Publicado en El Correo Gallego (28-04-17)
PRIMAVERA EN FEMININO
POEMARIOS
HOMENAXE A ZECA AFONSO NO 25 DE ABRIL
Cando a música aniña
nun poeta
e el se volve
profeta
da emoción solidaria,
a humanidade aprende
a xogar coa inocencia
da súa voz espida
dirixida
a iluminar o mundo.
E de súpeto o xogo
inflámase de cores
e todas as bandeiras
son como papaventos
voando na irmandade de dolores
presaxio de contentos.
Na humidade do oprobio
a calidez do sol no canto soa.
Arco da vella da fraternidade:
mudo o fusil co caravel na boca.
“GRUPO POÉTICO ALALÁ” DAS PONTES
Ao mesmo tempo que hai que lamentar a evaporación da Literatura do sistema educativo, incluído o bacharelato, baixo a premisa de que a persoa debe prepararse pensando na empleabilidade e non na formación integral –oh tempora oh mores!-, a sociedade máis concienciada do valor da cultura como elevadora da dignidade humana, de vehículo privilexiado de intercomunicación, cooperación e tolerancia entre persoas e pobos, e como produto imprescindible da nosa alimentación non corporal tan precisa, vaise organizando para suplir coa súa acción o desleixo dos gobernantes co que máis nos constrúe como persoas. E xa non digo os profesionais que se dedican a crear e teñen que afinar a imaxinación para seguir sacando á luz produtos en tempos difíciles, porque non todo o mundo ten posibilidades para autoeditarse e para autoproducir proxectos ben interesantes que precisan desembolso inicial recuperable mais que hai que adiantar para dar os pasos pasos necesarios do seu desenvolvemento. Dentro da cultura, que ten sempre a creatividade humana como base, hai produtos de elaboración máis custosa que outros para mostralos acabados. A literatura e das artes que mesmo permite unha aproximación ao público de forma directa que só precisa da vontade de quen crea e do público que desexe percibir a palabra máis elaborada. Se falamos de poesía, a transmisión pode facerse dignamente por medio de recitais en instalacións adecuadas, coa aportación que poden prestar as novas tecnoloxías e a presenza doutras artes que potencien a emoción que procura espertar a palabra poética.
Neste sentido colaborativo e de comunicación directa co público fai cultura n’As Pontes o “Grupo Poético Alalá”, que se xunta semanalmente na Biblioteca Municipal, tendo a bibliotecaria Anabel Alonso como activa colaboradora. Fundado en 2003, ten actividade continuada de creación e comunicación co público nos recitais que organiza ano a ano no salón de actos da Casa Dopeso, un pola primavera e outro polo outono, e tamén coa presenza dos seus membros en centros de ensino. Nestes recitais reciben como convidados a un creador ou creadora das varias xeografías, xeracións e poéticas que ten hoxe en Galicia. Colabora no acto alumnado do Conservatorio Profesional de Música, ao coidado do seu director José Manuel Campello Blanco, rapazas e rapaces de diferentes cursos con repertorio de piano, guitarra e instrumentos de vento, ben como solistas ou ben en pequeno grupo. Nos recitais, o “Grupo Poético Alalá” usa o apoio audivisual con imaxes e a grafía sincronizada dos textos lidos. Este pasado 7 de abril, proxectaron imaxes do parque do Pasatempo de Betanzos. Forman este colectivo Aníbal Ánxel, Gloria David, Santiago del Moral, Ofelia López (que son membros fundadores), Silvia Pardo, Montse Pardo e Mari Carmen Freire. Teñen publicado “Cinco sentidos” (2005), con textos dos membros fundadores, e “Dez anos de poesía nas Pontes” (2013), que inclúe textos dos poetas convidados.
Publicado en El Correo Gallego (07-04-17)