DE SANTIAGO A RIANXO NUN CAMIÑO CULTURAL

Para falar da causa da literatura, empezo na Praza da Quintana de Santiago onde se está a celebrar a I Semana do Libro de Galicia (SELIC), inaugurada o pasado venres 2 e que terá clausura o próximo día 11. Organizada polo Concello canda representantes de editoriais e librerías da cidade, naceu esta nova cita co libro, tras da feira que tivo lugar entre abril e maio, con vontade de permanecer mostrando a potencialidade de Compostela como unha das cidades benqueridas e cantadas por escritoras –a cita a Rosalía é imprescindiblee, mais non só ela- e escritores, desde os trobadores ata os nosos días. A proposta desta actividade xurdiu da Mesa do Libro que se xuntou hai un ano para aunar esforzos eficaces nun sector moi afectado polo desleixo dos poderes que non ampararon as actividades culturais que, alén de ser necesarias para a vida plena das persoas, é sabido que constitúen un sector produtivo máis que non se pode deixar caer sen graves prexuízos económicos. Magnificamente instalada na praza que namorou a Lorca, preparada contra a inclemencia do tempo e provista de asentos e espazo de xogos infantís, é o tal para acoller a concorrencia que a visita non só para ver e comprar libros senón tamén á presentacións de novidades, recitais e outras actividades que fan da Praza da Quintá o espazo máis literario de Santiago durante estes días. É de destacar tamén o inicio da colección SELIC por parte do Concello con cinco pequenos volumes con textos de varios xéneros creados por persoas de forte vinculación con Compostela que desenvolven  ficción téndoa como motivo. Os visitantes son agasallados con eles.

E seguimos cara Rianxo, porque o Concello, representado polo seu alcalde Adolfo Muíños, e a Deputación da Coruña, pola vicepresidenta Goretti Sanmartín co respaldo unánime da corporación, veñen de asinar un convenio para iniciar as obras de reconstrucción da casa familiar de Rafael Dieste, un edificio blasonado do século XVIII que está deshabitado desde hai 25 anos. A Deputación da Coruña achegará o 80% dun orzamento total de 236.820’82€ e a obra podería quedar finalizada nuns dez meses. O Concello adquiriu este edificio no ano 2007 e xa foi intervido no tellado e nas fachadas para mellor conservación. Recreada en parte polo dramaturgo e narrador na peza de teatro “A fiestra valdeira”, está situada na Rúa de Abaixo, tan literaria ela que acolle tamén as moradas de Castelao e Manuel Antonio, as tres moi próximas e á mesma man. Coa manuelantoniana xa habilitada como museo, sería desexable que as tres baseasen a Academia Literaria Rianxeira da que xa falara quen foi vicepresidenta do goberno de Rodríguez Zapatero, Mª Teresa Fernández de la Vega. A nosa familia ten sido convidada a comer nesta casa por Carmen Muñoz e teño comprobado que aquela vivenda era un tesouro cultural: piano, libros, cadros de grandes pintores galegos, enseres… e todo vivo. Que gozo saber que vai seguir irradiando esa cultura que garda dentro.

Publicado en El Correo Gallego (09-06-17)

Advertisements

ESCOLLER OS NOMES DAS CRIANZAS


Cando nace unha criatura –agora antes de nacer, ao predicirlle o sexo- é un problema escollerlle nome porque hai que atopar consenso que satisfaga a parentela. E non é doado, que os nomes andan nese tren que chamamos “moda” e nos atolandra cos seus boureos. Foron sempre coa moda, porque ela existiu en todas as épocas inda que non tivera a aspiración de gobernar os gustos sociais como agora con tanta difusión. Xa dicía Castelao que quen non queira andar á moda de hoxe está condenado a andar á moda doutro tempo. E houbo moitas relacionadas coa antroponimia. A de poñer nomes xa familiares e emotivos, que facía moi difícil contentar a todos, inda que tiña a ventaxa das listas elaboradas con tempo. A de endilgarlles o nome dun dos santos ou santas con celebración o día de nacer. E tendo un santoral por veces con máis de media ducia de intercesores celestiais por día, obrigaba a decidir con precipitación para chegar a un acordo e quizabes estea aquí a causa de que moita xente quedase asentada no rexistro varios días despois do nacemento. Outra era que as madriñas ou padriños, segundo fose nena ou neno, decidisen como se había chamar.  Neste caso, presentábanse dúbidas de se o nome casaría co futuro de quen o portara. Se era morena, non se lle debía poñer Branca e, se resultase altivo, non sería cousa de lle chamar Modesto. Efectivamente, non é doado atinar cun nome que ten connotacións que entende calquera. E a moda castigo que pretendía ser edificante coas paridas solteiras á conta das criaturas inocentes e consistía en que o párroco impuxese un nome dos máis feos do santoral. Así, podían cargar con esta cruz Tiburcio, Odulfo, Fandila, Cunegunda, Consorcia ou Burgundófora.

Nos Ancares, e non só, conservaban un nomenclátor humano heteroxéneo, moi enraizado na historia: Hermenegildo, Recesvinto, Agripina, Clotilde, Hermógenes, Alcides, Domitila, Basílides, Eduvigis, Estéfana, Leonilda e Gertrudis. Cos medios de comunicación xeralizáronse nomes de famosos e coa globalización internacionalizáronse. Tivemos invasións de Fabiola, Soraia, Lorena, Vanesa, Kevin, Jonathan, Iván… Téndese tamén á recuperando dos propios da nosa cultura: Iria, Antía, Brais, Aldán, Xacobe, Xiao, Olalla, Aldara… E mesmo entraron algúns procedentes do éuscaro, ou do catalán en menor medida. Os antropónimos saíron do santoral e foi notorio o caso dos pais que conseguiron poñerlle Lobo ao seu fillo. Tamén hai Lúa, Navia, Airas… Outros acomódanse á modernización descolocándolles os acentos ou creando novos hipocorísticos apocopados: os José son Jose (Xosé xa sería moderno en por si recuperándoo), os Manuel son Manu, os Francisco, Fran e as Azucenas, Azu. A última moda é non elixir nomes de vellos, como seica son Etelvino ou Casilda. E está moi ben. Cada nome debe casar con cada idade. Así que haberá que ilos cambiando segundo van pasando as etapas da vida, non sexa que todos os nomes empecen a ser propios da infancia e acaben séndoo da vellez.

Publicado en El Correo Gallego (02-05-17)