MEU QUERIDO SETEMBRO

Nel nacín, nel casei e nel fun nai. É o mes que me agasalla coa señardade de recordar non sei que que está perdido, quizabes as badaladas da novena do Santo que, xa andando setembro, marcaban o despene do sol riba do outono.

Setembro engadiulle á miña vida unha forza que, de non vir ao meu encontro, eu sería outra. E gústame a que son, aínda que posiblemente me gustaría tamén doutras maneiras. A piques de cumprir os trece anos, decidín estudar. Trouxen a aspiración na cesta do pan sobre a cabeza desde o Forno da Feira ao barrio de Letrún, onde fun vivir aos catro anos xa en casa propia. Meus pais aceptárona a cambio de traballar eu tamén para poder financiarme e de nunca suspender nada. E eu puxen o meu esforzo en ser o que daban os posibles económicos da familia: mestra. Logo puiden conseguir, xa cos meus cartos autónomos mentre traballaba no ensino, unha licenciatura e o diploma de francés da Escola de Idiomas.

Non puido ser o canto vocación e profesión, pero foino o ensino. E, contra o que di o refrán, o hábito fixo a monxa. En lugar do canto foi vindo despois a poesía, que traía da man toda a ourivesaría das palabras. E a vocación de narrar o que pasa ao meu redor e dentro de min, algo aprendido da oralidade na xastrería de meu pai, que era un auténtico Ateneo

Meu querido setembro, sexas benvido outravolta co teu sol –e tamén xa co meu propio sol- caendo sobre o outono.

XENTE RIANXEIRA DA CULTURA APOIA A PETICIÓN DUN “CENTRO DE DÍA”

O pobo de Rianxo, abandeirado por mulleres valentes e solidarias que fan pensar na tía Ádega que Castelao recolleu en “Os dous de sempre”, loita pacificamente co seu encerro no Salón de Plenos da Casa do Concello pola creación dun Centro de Día que acolla na súa vila a aquelas persoas que precisan atención e coidados xeriátricos e non os poden recibir nos seus domicilios por falta de persoas para atendelas por se ter que dedicar aos seus traballos ou por non teren na casa posibilidade de tratamentos paliadores e retrardantes do deterioro da idade, proporcionádolles un envellecemento máis activo con mellor calidade de vida. Inexplicablemente, Rianxo é a única capitalidade de concello que, nunha gran contorna, non conta con este servizo, polo que as persoas que o precisan teñen que desprazarse a outros lugares nos que sobran as prazas que eles precisaban. A xente rianxeira que traballa no mundo da cultura (coa escrita, a arte, a investigación, o ensino…) apoia esta pretensión por considerala xusta e viable, xa que o Concello lle ofrece á Xunta para tal fin o edificio que foi “Casa do Mar” e máis tarde Centro Médico, que só requeriría unha adaptación con pouco gasto e tempo de execución, e mesmo un solar para nova edificación. Trátase, polo tanto, da vontade política que teña a Xunta de ofrecer á cidadanía rianxeira o que precisa, algo que resulta incuestionablemente razoable.

Onte, sábado 19 de agosto, o colectivo que leva a cabo este peche, coa veciñanza que simpatiza con el e lle fai compañía, recibiu o apoio dunha visita de representantes doutro colectivo amplo formado por mulleres e homes que desenvolven actividades relacionadas co ámbito cultural. Foi presentado polo escultor Nuco Losada Romero e o profesor e filólogo Ramón Brea deu lectura a un razoado manifesto asinado polas persoas que saben que a cultura que non se implica nos problemas da súa sociedade non é cultura no sentido máis nobre da palabra.

Tras da lectura do manifesto, recibido cunha moi longa ovación, a compositora e cantante Helena de Alfonso interpretou  unha canción popular rianxeira “a cappella” que acabou sendo coreada por un Salón de Plenos cheo de xente solidaria e pola que tivo que permanecer no pasillo por falta de espazo.