POEMA-HOMENAXE A XOHANA TORRES

 

XOHANA TORRES[1]

 

Ti, soedá, palabra, ti sabías

dunha simple medida que non crece.

                               Xohana Torres

 

Contigo, Xohana, vou detrás da voz.

Chámoa polo seu nome, como a un neno.

Chámolle tarde

e sol

e mar

e cemiterio

e moitas veces.

Fóxenos coma un cervo

e vai moi lonxe

e pérdese

na ingravidez dos ecos.

Cando chega de máis lonxe de onde non sei

escóndese.

E faise noite.

É a soedade.

 

A miña voz,

a que fuxiu coa túa,  é o silencio

dun soñado baúl de bolboretas.

 

[1] En Festa da palabra silenciada, nº, 4, 1987

A MORRIÑA E A RETRANCA

A morriña e a retranca son dúas características que se nos atribúen e algo diso debe haber, como di a nosa paisanía ante a evidencia, demostrando xa que, efectivamente, algo hai. E, estando radicadas unha nos sentimentos e outra na razón, creo que veñen sendo a mesma cousa: o noso xeito aprendido e xa herdado de reaccionar fronte á adversidade.

Sentimos morriña, forte e inconcreta sensación que habita na profundidade persoal, porque notamos que nos falta algo, porque tememos que nos vaia faltar algo, porque nos arrebataron algo… Adoita sentirse fóra da terra porque nos tivemos que transplantar.

Marchar é arrincarse da terra coma unha árbore

e transplantarse noutra.

Deixar o souto, a fraga, a carballeira,

a horta, o prado, o monte…

e buscar acomodo noutro sitio

lonxe e descoñecido as máis das veces.

É cambiar de paxaros e de ventos,

de chuvias de nevadas e de brétemas

polo que queira vir pousar en nós.

Levar as landras, as mazás, as noces…

a caer noutro chan onde as recolla

quen non nos viu nacer nin ir arriba.

 

Marchar é arrincarse,

e levar esa  terra que queda nas raíces

para facer  raigame en terra allea,

para que o corazón siga latendo

e a memoria se abrigue nas querencias

que quedaron atrás.

 E a  ver se a terra allea se fai nosa.

 A  morriña é un estado de ánimo dorido e paciente, por veces incurable. A morriña é o cravo rosaliano sen o que nos sería difícil sentir a vida.

 

Pola contra, a retranca é unha resposta automática e activa que ten poderes sobre calquera frustración. É a nosa sanación polo humor noso co convencenmento de que non nos farán tragar rodas de muíño, de que nos non enganará xa ninguén, de que poderemos afrontar coa palabra intelixente calquera desfeita que quixera vir en contra.