O MEU ENCONTRO LITERARIO COS ANCARES

O meu encontro literario cos Ancares aconteceu sendo nova a través da lectura de La Leyenda de Gösta Berling, da premio Nobel sueca Selma Lagerlöf, un volume inmenso e descoidado, impreso en mal papel, falto de ilustracións, con bastantes erratas e letra miúda; é dicir, carente de todo atractivo externo. Pero cando traspasei o limiar que me poñía a proba, entrei con paso firme nos meus Ancares e quedei prendida por aquela longa lectura.

Nela topaba cun mundo exótico, que curiosamente estaba próximo e eu xa o habitara. Gösta Berling, a comandanta de Ekeby, Berencreutz, Mariana Sinclaire, o pastor de Broby, a tía Gustava (alí tamén se lles chama así ás persoas anciás), eran personaxes moi parecidos a esta nosa xente. O único diferente era o Gran Oso de Gurlita, que só se podería matar con bala de prata, e inda así, era oso como os que se viran polos Ancares, aquelas montañas que serviran de fondo á ventá do meu cuarto.

Xa que logo, Os Ancares  eran, en certa medida, unha réplica dos bosques de Vërmland que acochaban os compoñentes animados e inanimados, naturais e culturais que desenvolvera Lagerlöf aló no norte de Europa. Aquel gran espazo literario que eu viña de descubrir podía localizarse no pequeno mundo que eu quería tanto. O guilfo pestifle, a neve, os osos, as pitas do monte, os lobos… As igrexas e os cregos, as ferrerías e os ferreiros, a queima de carrochas e os carboeiros… Mesmo me parecía ver entrar na xastrería o carboeiro ofrecendo outravolta combustible para a plancha de ferro. Creo que daquela lectura me ven o costume de buscar os parecidos da xente do común cos protagonistas de ficción.     O que acontecía nas numerosas páxinas do libro que eu devoraba tarde a tarde estaba alí.

Os bos e os malos, intercambiando os papeis segundo as circunstancias llelo requerían, non só tiñan un comportamento comprensible, senón que se podían homologar cos clientes de meus pais, cos paisanos cos que eu convivira e coas súas historias. Eu coñecía un montón de homes e mulleres que representaban no escenario da vida esta novela excelsa de Lagerlöf sen ensaios nin transformacións.

Cando  no ano 2004 tiven ocasión de visitar a Noruega do norte, deime conta de que Os Ancares volveran acompañarme agora ata Escandinavia, inda que fosen os irmáns menores daquelas impresionantes montañas.

Advertisements