A CASA DA AVOA

(Fotografía xentilmente cedida polo lector que a identificou con este poema)

 

Á casa levantada entre as escumas e os recantos verdes,

toda de mar,

nunca volvía el.

 

E, ausente,

mandáballe paxaros

polo lombo das tardes de vento sosegado

a deixar rechouchíos

riba da espera,

porque ela estaba alí

debruzada na artesa do silencio

en ceifa sen aromas nin sabores

de estación florecida.

 

Mais no vello xardín cultivaba roseiras

e bugambilias

porque agardaba sempre pola solemnidade

do canto das sereas

que anuncian amencidas

brancas como pantasmas.

 

Daquela, cavilaba,

debería subir

e colocar na cama

as sabas espilidas cada noite de Lúa

polas mans das estrelas.

 

De Álbum de fotos, 1999

XV ANIVERSARIO DA CATÁSTROFE DO “PRESTIGE”

EN ESTATUAS DE SAL
 
Que demitan os polbos e os percebes,
o arroaz e o golfiño rebozados,
os cormoráns moñudos,
os corvos revestidos con chupa de etiqueta,
as gaivotas de fóra do papel…
 
Que demitan as xoubas,
os alcriques,
a xarda,
a maragota,
a robaliza,
as ameixas,
os croques,
as navallas…
 
Que demitan tamén os aparellos
que se rañan ociosos nos alpendres dos mariñeiros e mariscadoras,
as dornas,
as chalanas,
as furgonetas que levaron peixe
en ventres como úteros de mar…
 
 
Que demita o salseiro e a ardentía,
as ribeiras de estética lunar,
os bidóns pestilentes,
a rula e o peirao,
as voces roucas dos subhastadores…
 
Que demitan os ventos e as correntes,
as ondas e as mareas,
a latitude norte,
a lonxitude oeste
e a verdade.
 
Que os preclaros prebostes volvan a súa cabeza
para ver o milagre de tanta demisión
e queden convertidos, por curiosos,
en estatuas de sal.
 
Fisterra, 26 de decembro de 2002
 
En “Negra Sombra”, VV.,Xerais/Espiral Maior, 2003
En “A pie por la Costa da Morte. La Galicia Atlántica”, Josep Maria Espinàs i Massip, Edhasa, 2004