DÍA DE TODO OS SANTOS

Tal día coma hoxe ía con meu irmán levar flores ao cemiterio do Fondón onde estaban soterrados os avós Elena e Secundino, e a curmá Pilar, que morrera de meniña. Colocabámolas marcando a terra que os acollera como facía Julia de Prim, que touxera esa moda das terras de Valdeorras. Cando iamos rezar, viña Gloria de Dª Conchita e levábanos para a tumba de mármore de seu irmán Rubén. Poñíanos axeonllados repetindo o Noso Pai, a Ave María e o Gloria moito tempo, en diálogo litúrxico como os profesionais do rezo. E cando lle debía parecer que Rubén quedaba xa en mellor lugar no reino dos ceos, deixábanos marchar. Iamos ver se seguían as flores no seu sitio e, xa sen ganas de seguir con máis rezos, volviamos para a casa como quen deixa o deber cumprido.

Advertisements