O PÓRTICO NA HISTORIA

37830001_10204980336663815_4094449231593472000_n

Este Pórtico da Gloria fulgurante como recén estreado que temos perante os ollos coa riqueza cromática das orixes débenos encher de autoestima e estimularnos a volver os ollos para encontrármonos coa Historia no momento da súa construción. Inda sometido aos cambios esixidos para lle colocar diante a fachada barroca do Obradoiro, é ben doado percibir nel a grandeza arquitectónica dunha época de gran esplendor que permitiu mostrar ao mundo o ambiente social e económico elevado que a sostiñan. Só desde o poder que propicia unha cultura refinada e exportable a toda Europa se pode explicar esta complexa creación que, inda acontecendo nun contexto relixioso, serve os intereses temporais dun reino que estendía a súa cultura e ao mesmo tempo recibía e incorporaba outras influencias europeas. A restauración do Pórtico da Gloria é unha ocasión propicia para descubrir cal era a Galicia da época do Mestre Mateo e que papel desempeñaba desde este confín da terra. A súa recuperación cobraría así un sentido pleno.

No Reino de Galicia durante a época medieval –a denominación de Reino estenderase moito máis no tempo- desenvolvéronse ata brillaren todas as artes. A lingua contemporánea da construción do Pórtico é a lingua galega innda moi nova mais literariamente tréfega e vizosa, na que sobresaíu a poesía de carácter relixioso e, sobre todo, profano. A música e os músicos son elementos destacables de integración neste escenario pétreo que serve como lección a quen chegaba á catedral. Vinculado coa música  está o canto e de aquí saen para o mundo as cantigas de amigo, un auténtico monumento literario de noso, e chegan de Occitania, outro centro cultural do sur de Europa con lingua romance vigorosa no momento, influencias doutras cantigas de amor cortés e de sátira que atoparán aquí grandes cultivadores.

As políticas dos nosos reis foron decisivas para que o Mestre Mateo puidese obrar esta marabilla de transición entre o románico e o gótico, movementos ambos que deixaron obras salientables no Reino de Galicia. Foi Fernando II quen promocionou a creación do Pórtico, correndo o erario público cos gastos do obradoiro do Mestre Mateo que recibiu unha pensión vitalicia a cambio do seu valioso traballo. Decisivo resultou tamén para a culminación de tal proxecto outro rei de Galicia, Afonso VIII. Ambos están enterrados no Panteón Real da Catedral de Santiago.

Este Reino foi poderoso e, como tal, tiña cultura e lingua propias que recibimos en herdo. E nada mellor para nolo recordar que o esplendor dunha esmeradísima obra que debera utilizarse, alén do seu significado relixioso, como unidade didáctica para explicar a nosa historia e as nosas raíces. En definitiva, para transmitir coñecemento sobre Galicia e o seu desenvolvemento histórico. O himno que soará neste día grande fálanos de Breogán como mito fundador, mais non precisamos ir á figura de Breogán para basearnos nun pasado cheo de vitalidade para camiñar cara ao futuro con toda a dignidade dun pobo afortunado nas orixes. Abóndanos con mirar este anovado Pórtico da Gloria que nos volve ao Medievo para caer na conta de que temos o deber histórico e moral de conservármolo e canda el, sen ser menos importante, o de preservar a lingua que falaban os nosos reis e na que trobaba Alfonso X de Castela, O Sabio. A lingua galega foi o vehículo comunicativo normal entre o Mestre Mateo e os canteiros que creaban esta xoia. Hoxe, libre dos prexuízos históricos que se deitaron sobre ela, debe seguir sendo o idioma de comunicación normal entre os habitantes deste vello Reino para perdurar tanto como o Pórtico da Gloria.

37841930_10204980335223779_3481963324403351552_n

Publicado en El Correo Gallego (25-07-18)

 

 

 

 

 

 

,

Advertisements

Unha opinión sobre “O PÓRTICO NA HISTORIA

  1. Pingback: ‘O PÓRTICO NA HISTORIA’. Helena Villar Janeiro | MariaLDario's Blog

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s