ENTREVISTA PARA “EL CORREO GALLEGO” SOBRE TEMAS DE ACTUALIDADE

Fotografía de Carmela Queijeiro

Existe unha conciencia xeralizada de que estamos vivindo a era da muller triunfadora nas profesións máis esixentes, atribuídas historicamente aos homes. Está de acordo?

Estamos no comezo da era da muller, que tempo lle era. Pouco a pouco, foi emerxendo do ámbito privado para alcanzar o estatus de cidadá plena. O cambio vai amodo e a moi caro prezo. Ás veces, a aspiración á liberdade cústalle a vida a mans de homes que non aceptan os novos roles que acarrea para eles a lenta revolución que chega ata modificar a linguaxe para nos facer visibles no plural masculino e discriminatorio que herdamos. Mais a presenza de mulleres en todas as profesións non quere dicir nin que sexan retribuídas igual que os homes por idéntico traballo nin que accedan aos postos superiores. Afortunadamente, empezan a avergoñarnos, a mulleres e a homes, cúpulas de poder exclusivamente  masculinas como negando a aptitude de máis de media humanidade para grandes decisións. Esas cúpulas non representan as mulleres nin sequera cando hai presenza testemuñal de algunha. A humanidade está perdendo outro punto de vista na solución dos grandes problemas que debe resolver.

Hai queixas fundadas sobre os problemas de conciliación familiar e flexibilidade no traballo…

Si e fanas sobre todo as mulleres, xa que a sobrecarga de problemas recae nelas, que deben ser conciliadoras a calquera prezo. As que saíron da cela doméstica para converxer na vida pública seguen a ter o coidado da casa e da familia. Así non hai paridade senón sobrecarga e frustración. Este conflito non é doado de amañar sen cambios ideolóxicos que permitan liberdade de elección con garantía de axudas para o desenvolvemento da muller como cidadá sen caer nin en despido laboral nin en apartarse da súa carreira ou profesión. Para iso é precisa unha educación integral, a través de todos os seus axentes: familia, escola, medios de comunicación, medios de produción, asociacións, institucións e sociedade en xeral. As mulleres que queren ser nais non reciben axuda e moitas toman a decisión tarde, con riscos para elas e as criaturas. O prezo da maternidade hoxe é moi alto e a nosa sociedade acabará nunha extinción, cando menos simbólica. Precisamos novo centro de gravidade para que o doméstico non recaia nelas. Habería que dispoñer un traballo compartido por todos os componentes da familia, no que inclúo as criaturas, pois axudar na casa paritariamente non é explotación laboral senón educación para a igualdade. Tamén habería que facer cambios na organización laboral: horarios flexibles para quen teña máis peso no fogar e servizos  complementarios: gardería-escola infantil, comedor lavandería, etc.

No seu ámbito, con que obstáculos se atopa?

Estou xubilada e non teño ese problema laboral. E mesmo no duro traballo de escribir e publicar tamén compaxinamos ben –antes e hoxe- o traballo doméstico para poder facelo en igualdade con Xesús Rábade Paredes, o meu home. Pero inda na vida ordinaria observo diferencias de trato que non poucas veces as crean as propias mulleres. Eu son unha privilexiada, primeiro por comprender o problema na súa magnitude e loitar desde esa comprensión contra el, e segundo porque vivín un cambio na consideración do traballo das mulleres, posto que veño dunha época moi dura para nosoutras.

En que orde e de preferencia situaría familia, profesión, estudio, relevancia social ou amigos.

Primeiro, a familia. Para min é o grupo humano no que se medra e se aprende a exercer a liberdade, polo que teño un concepto amplo da palabra familia e ningún rito prefixado para unirnos máis que a vontade conxunta de nos xuntar. Desde que non somos un núcleo de catro, non se fan comidas que nos xunten por obriga, pero facémolas sempre que podemos e onde podemos. En segundo lugar, profesión e estudo no mesmo nivel, porque considero a formación continua unha obriga da que hai que responder ante a sociedade e ante min mesma. As amizades son importantes na miña vida, pero recoñezo que non lles dedico o tempo que quixera porque teño pouco tempo libre. Ao que menos importancia lle dou é á relevancia social, porque ten que vir precedida de esforzos e entregas a causas que benefician a sociedade. Na era dos influencers con pouco fundamento a relevancia social paréceme irrelevante.

Unha enquisa sinala que a xente nova vivirá peor que seus pais…

Por desgraza creo que si e vai ser unha frustración para xeracións que foron criadas en certa abundancia e condescendencia, e estimuladas polo mercado para o consumo e a vida doada. Será decepcionante e doloroso  tamén para as nais e os pais que pretenderon a ascensión social e económica da descendencia. É unha deriva que me preocupa, porque teño unha netiña e lamento que vaia padecer as consecuencias deste pernicioso modelo económico que permitimos que crearan as nosas democracias.

Que se puede facer nun mundo tan desigual?

O mundo é desigual  porque o poderes económicos así o queren e é moi difícil de subverter esta realidade sen unha revolución que conta con enorme resistencia, incluso entre os excluídos. Inda onde estamos mellor  vemos medrar a fenda entre os ricos e os pobres, feito que caracterizou o terceiromundismo.  Iso non se arranxa con voluntariado e caridade, que non resolven a raíz do problema e inda humillan. Sería necesario redistribuír a riqueza nun novo modelo social sen os ofensivos privilexios que minguan a pobreza. O terceiro mundo  estase a converter no alpendre da terra. Non son optimista cun futuro de fronteiras pechadas. Precisamos repoñer poboación para equilibrar a demografía e, no seu canto, medran os prexuízos racistas e xenófobos. Non son optimista co que vai pasar na nosa sociedade envellecida na que perigan as pensións e se recorta o estado de benestar á poboación con menos recursos.

É sostible un sistema tan discriminatorio?

Non o é nin o debe ser. Non sabemos o custo real, en vidas e en saúde, dos recortes en servizos públicos. Temos no Mediterráneo o maior cemiterio de cadáveres de quen foxe por poñerse a salvo das guerras que producen diñeiro co armamento para os países máis ricos.  África tamén se está desangrando coas secas e a explotación. E no mundo globalizado que creamos todos acabaremos sufrindo o cambio climático, a proliferación de pragas e a reaparición de enfermidades que se crían case extintas.

Que opinión lle merece a clase política?

Hai que fuxir de calquera xeralización, pero prodúceme moito descontento o que sei e non sei inda que se nos pode ocultar.  Hai políticas e políticos que admiro, pero a corrupción, a fraude de currículums, a mentira, a tolerancia dalgúns partidos cun pasado co que non queren romper, a interferencia dos poderes que sosteñen a democracia, o dominio dos medios de comunicación, a falta de vontade de resolver o problema territorial de España, a recentralización do Estado, a perda de dereitos e liberdades, o incremento dos ataques ás linguas minorizadas…  O nivel de esixencia do pobo cos seus políticos é moi baixo. Unha democracia así non pode ter boa saúde.

Sentímonos manipulados e controlados polo que Orwell cualificou de “Gran irmán”. Hai solución?

Moita solución non hai e o control é verdadeiro. Non obstante, a cultura é unha arma incruenta moi poderosa para exercer as poucas defensas que nos quedan. Temos que coñecer estes medios como posibles inimigos, saber cales son os seus procementos e deixarlles gobernarnos o menos posible. E hai que facelo porque é moi difícil hoxe prescindir deles e tamén porque son unha boa ferramenta ao noso servizo para espallar coñecemento e información que por outras canles é moi difícil distribuír. Poden conseguir unha certa democratización da cultura e do saber, pero para isto hai que aprender a usalos desde a escola con toda a prudencia e non (só) como elementos de xogo e distracción. Porque non nos deben apartar do inmediato coa promesa de que son eles quen nos abren as portas e nos trasladan ao mundo.

¿Cal é o mellor consello que recibiu na súa vida de quen?

Recibín moitos e valiosos de persoas que me querían ben. Sen sinalar ningún concreto, posto que me é difícil destacalo doutros, case podo asegurar que foi miña nai, esa figura que se agranda a medida que pasa o tempo da separación definitiva, quen mo deu ou quen me axudou no empeño de o poñer en práctica.

 

PUBLICADA EN EL CORREO GALLEGO (25-10-18)

Advertisements