41 CABODANO DE MIÑA NAI, CO BELÉN DE FONDO

 

Co nariz no cristal contra a memoria
quero vir a decembro.

¡Benditos mofos de cavorcos verdes
arrancados ó tempo
no ribado dos soños!

Decembro, mundo lene. A pel da infancia,
un arco de violín,
recende a mandarinas
e un só de escumillón e voces brancas,
en guirlanda con Haëndel
cólgase das ventás.

Encheu todos os ocos que quedaban no aire
e tróuxome o belén
coa súa ponte de garabulliños,
o portal de cartón, o rei de lata,
os pastores de barro resecado
e a creación doutro anxo,
tosco amasillo que ela fixo de alba
e rafa de pantrigo.

Cabalgan as montañas na raiola da lúa que licúa os cristais,
mana o río roubado á pel do chocolate en auga misteriosa
que escribe filigranas xeográficas
de nacións imposibles.

Vidos de lonxe a paso imperceptible
na textura da area simulada,
os camelos remoen
silencios de trompeta.

Un ¿onde estás? resoa como un órgano
de voz materna que renace en ecos,
esvara polas cousas,
apousa en todo e enche a casa dela.

E unha man invisible
que peneira fariña neste lírico soño,
cobre de neve o trazo das montañas
por onde escapa o frío
do cristal que se pon contra a memoria
e mitiga a tristeza
de perdela en decembro.

“Nas hedras da clepsidra” (1999)

Advertisements