PRESENTACIÓN DE “O LIBRO DOS LIBROS”

A convalecencia dunha pequena intervención ocular non me permitiu estar este serán na presentación de “O libro dos libros”, un volume de relatos que publicou a Editorial Galaxia (2018) no que tiven a honra de participar con narradoras e narradores de diferentes xeracións e estilos, e que resulta unha significativa polifonía arredor do mundo do libro, das bibliotecas, da literatura, das librerías…, é dicir, de todo o que o título suxire.

O acto foi pensado para facer unha pequena presentación do traballo de cada participante presente (Marilar Aleixandre, Andrea Barreira, Antón Riveiro Coello, Rosalía Fernández Rial) e un debate arredor do enunciado “Onde vai o relato?”  Non podendo estar na Librería Couceiro de Santiago como quixera, práceme “tirar do fío” para deixar unha reflexión sobre ambos aspectos, inda que teña xa perdida a riqueza do contraste. Así pois, o meu relato, “Evolucións”, é un tributo a don Ramón o Libreiro, que tiña en Becerreá o único espazo público promotor de cultura mediante o aluguer de cómics, contos, e novelas rosa e do Oeste. A narradora vai contando a transformación que fixeron dela as letras, desde esta lectura de alugar da infancia á literatura, a través de dous libros atopados na casa e posteriormente de dúas adquisicións persoais na xuventude, transformación paralela á que  traerá como sultado na vila a desaparición do espazo triangular de traballo que demarcaba a librería coa súa propia desaparición, a da albardería, do surtidor de gasolina e do reloxeiro.

Verbo da pregunta directoa sobre o relato podemos darlle dúas dimensión: onde está e cara onde camiña. O relato é, xunto coa poesía, o subxénero narrativo máis de noso. O desenvolvemento da prosa galega fíxose a través de grandes relatistas: Castelao, Dieste, Fole, Cunqueiro, Blanco Amor… Sen embargo, parece non espertar hoxe tanto interese entre as narradoras e narradores, que prefiren a novela como expresión dos seus diferentes mundos e proxectos. Cara onde camiña o relato? Eu augúrolle unha re-conquista de terreo, non só porque non debamos deixar esmorecer o que nos é máis propio, senón tamén porque se presta a unha lectura rápida e completa, feito que se avén aos condicionantes espazo-temporais que lle impón ao feito de ler a sociedade tal como a desenvolvemos.

Advertisements