POEMAS PARA ALFONSO BLANCO, PREGOEIRO DA LUZ

COMO O POETA

Para Alfonso Blanco, o amigo

 

Como o poeta

espertaches un día do cristal

e desde as esmeraldas do silencio

chegaches a este soño

de acompañar a grei cabo da rosa.

 

Como o poeta

libas ecos nos beizos dese pobo

que conduces e afastas

da tentación do vocerío gris,

de soprar bolboretas contra o aire.

 

¡Como me medro en ti e me renovo

na gota inxel de cada badalada

que vén do santuario

onde hoxe e sempre oficias de poeta!

 

 

En San Miguel dos Agros, polo San Martiño de 1992

Advertisements