En Tlaquepaque
fomos ver o exiliado
que estaba descansando no seu xardín
entre as flamíxeras flores dun flamboián
e a pequenez dun colibrí
catando azúcar.
En honra ós mortos de tanto pobo e tanta dictadura
léronse textos nahuas
que soaban profundos
como saídos da ocarina
do ventre dalgún deus cocido en barro.
A tarde xa subía
agatuñando pola torada do xasmín
cando a voz patriarcal daquel guerreiro invicto
mesmo polos seus anos
cativou ó auditorio
coa metáfora.
“O dictador
mollou pluma no sague dos escravos
que adoitaban portalo
e escribiu un decreto sobre os seus lombos
prohibíndolle ó pobo disfrazarse.
Foi así como logrou entrar na historia
pois venceu definitivamente a Napoleón
e volveu dunha vez a Nefertiti
ó silencio da tumba.
Logrado este obxectivo
que el chamou militar,
volveu coa contraorde
de que o pobo podía disfrazarse,
agora de si mesmo,
con lentellolas, feltros e veludos”.
“Álbum de fotos” (1999)