FRASILIA

Foto de Helena Villar Janeiro.

 

“Frasilia será sempre nova
porque os deuses a levaron a cabo deles
cando andaba na flor
igual que a primavera”.

Frasilia era filla dun pai nobre
que pagou a un poeta
para que compuxese este epitafio
e a un escultor que lle refixo o corpo con branquísimo mármore
para que ela puidese termar intemporal coa man esquerda
do bocho funerario da flor de loto
e estirar coa dereita
a caída da saia inmaculada.

E tamén era filla dunha nai nobre
que chorou desesperada o designio dos deuses
e rodeou de anémonas
–esas que son levadas polo vento–
traídas desde Olimpia
a súa cara carnal.

Frasilia vive agora no museo de Atenas,
rúa Panepistimio, moi cerquiña
da gran praza Sintagma
onde os gregos chaman as cousas de cada día
cos nomes que nós temos atafegados
polas solemnidades.

Atenas, marzo de 2000