VOLTEXAR POLAS SOMBRAS

Natureza fermosa,

a mesma eternamente,

dille ós mortais, de novo ós loucos dille

que eles namais perecen.

 R.C.

 

Que importa se nos figos

ou na flor amarela das cabazas?

Pola rugosa calva dos penedos

levan as lagartixas a pancarta,

esa túa pancarta de silencio.

 

Todo o silencio é nome

e o teu nome é de vento.

 

Seméntante as pingotas da campá

cando a noite é máis mesta

ou cando o día é transparente e nidio.

E percórrente os nenos tras dunha bolboreta.

Estás no prado, no xardín, na sombra

e no bico máis lóbrego da terra.

Sei que habitas nas follas

do calendario azul de cada día.

 

Fíxose río o corpo que foi curvo.

Fíxose trono a voz que odiou aldraxes.

Fíxose mar a inmensidade interna.

 

Podes vir leve pola luz do día

con alas transparentes,

voltexar polas sombras como un canto ferido,

estremecer as follas como un paxaro morto,

e chegarnos ás bocas

sabendo ó mel das uces e ás cereixas…

Sempre como unha prímula que loce

no esquío van dunha recén casada,

agrándaste na noite como o canto dun grilo

e mollas como a auga.

 

Do poemario Rosalía do espello, Fundación Rosalía de Castro, 1985