POETAS PALESTINOS

#DiadePalestina

Desde que a voz amiga de Villán

me achegou as palabras

de Darwish, al-Qasim, Tuqan,

Yubrán e Zayyad,

amo as palabras palestinas

que buscan a morada

dos soños libres.

 

Rotundas e cargadas

dun perfume sutil a estrañas rosas,

coa forza combativa das espadas,

coa amargura que deixan as batallas

perdidas ou gañadas,

amo as palabras palestinas

que creou a xinea milenaria

e agroman dos poetas cando a terra

pide ser libre

e patria.

 

Ría de Arousa, no outono de 2003

En Intifada/ Ofrenda dos poetas galegos a Palestina, Fundación Araguaney, 2003