HOMENAXE A ROSALÍA. CREACIÓN SOBRE CANTARES GALLEGOS

 

¡Que feira, rapaza,

si cantas faremos…! 

Festiña por fóra,

festiña por dentro.

 

Festiña por fóra,

festiña por dentro,

coa lingua prezada

que temos en herdo.

 

Festiña por dentro,

festiña por fóra,

coa lingua máis bella

na canción máis nova.

 

Festiña por fóra,

festiña por dentro,

inzando palabras

co noso contento.

 

Festiña por dentro,

festiña por fóra,

xuntado no canto

espiñas e rosas.

 

Festiña por fóra,

festiña por dentro,

relatando a vida

con divertimento.

 

Festiña por dentro,

festiña por fóra,

co canto algareiro

da alegría moza.

 

Festiña por fóra,

festiña por dentro,

se cantas, meniña,

con gozo no peito.

 

Festiña por dentro,

festiña por fóra,

que a boca non canta

se o corazón chora.

 

No poemario de homenaxe a Rosalía De Cantares Hoxe, Radio Galega, 2014

DESPOIS DE TER AMADO

Dame tu sal, tu yodo, tu fiereza.

Alfonsina Storni

 

Amar o mar

doado é

despois de ter amado.

 

Hai tantas que deitaron sobre o mar os seus brazos de amante,

a paixón dialéctica da vida,

e a loita desmembrada de seguir…!

 

Ese primeiro bico inesquecible

ha saber sempre como sal de océano

e seguirás poñendo en cada boca que deixes que te bique

o salitre do mar.

 

Por iso agarda o mar o teu amor,

o último amor, o amor desesperado,

o amor do desamor que busca mar

cando se queima a noite en veladura.

 

O mar dá voltas, e ondas e mareas

bordeando os teus bordos

amosánche o sorriso da fondura.

 

Bótaste no seu colo sentindo o corpo arder

como se fose leña de aciñeira,

porque sabes que o mar

apaga  para sempre os lumes do desexo

e alí quedas nos brazos envolventes

da elexíaca anaina cantada pola escuma

debruzada por sempre nun verde de esperanza.

 

Xistral, nº 21, ano 2019