FINAL DO LOITO

Feijóo proclama que se ha acabado el duelo por el PP. (El Correo Gallego, 5 de maio de 2019)

Inda tendo o presidente un marcado cariz conservador, se cadra fixo ben en  levantar o loito de vez, sen necesidade de “alivio” entre a tristeza e a euforia. No país que goberna –e non só- homes e mulleres patentizaban o dó  por medio do loito. Diferentes como en case todo, eles levaban brazalete ou tira na lapela da chaqueta, ambos negros e ao lado do corazón. Elas vestían de negro rigoroso cunha etapa transacional, o alivio, de cor grisalla. Despois só había que controlar os tempos. Cada grao de parentesco acarreaba un periodo que ía de seis meses a dous anos. As viúvas levábano xa para toda a vida e, en xeral, as mulleres adultas pasaban por varias mortes na familia e tampouco non o daban quitado.

Para os homes arrebolar o peso do loito  era algo máis complicado, pois non sempre andaban de chaqueta. E cando era longo e pesaba de máis, había que marcar publicamente o final para poder vivir con alegría e sen complexos. Por iso, Toño de Guilfrei, que perderá a seu pai había dous anos, trouxo a facer un traxe para lucir no primeiro baile que acaía coa data do cabodano, un día 29 na feira de Navia. Inda que tivese que se desprazar arredor de 40 quilómetros, quedaría libre de tanto dó e de tanta historia. Non era posible meter un traxe máis para a data, pero tanto insistiu na necesidade do rito de liberación, que foi quedando o doutro que non tiña penas urxentes que tirar. Iso si, na miña casa prohibiuse daquela poñer loito morrese quen morrese para non ter que quitalo.

Pois ía eu a que, se cadra, fixo ben o presidente en levar loito menos dunha semana para gozar un pouco da vida. Non sexa que se lle presente outro e outro, e non dea xa desamecido.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s