UN ARQUITECTE PENSA A L’ALBA EN ROSALÍA/ UN ARQUITECTO PENSA NA ALBA EN ROSALÍA (Joam Margarit)

No 134 cabodano de Rosalía

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

UN ARQUITECTE PENSA A L’ALBA EN ROSALÍA

 

Sento cremar, gelada, l’estructura de ferro.

La miro, fosca i nua, com si fos una dona

a la que he estimat sempre.

La vida ha anat quedant-se sota el fred

dels hiverns a les obres.

He bastit edificis com vagons

amb esquelets de ferro. Grans vagons

que un dia tornaran a arrossegar

la gent cap a un final que ja imaginen.

Perquè tothom ha vist la veritat,

un reflex de llum freda en el bassal

d’aigües brutes del fons de la ignorància.

 

UN ARQUITECTO PENSA NA ALBA EN ROSALÍA

 

Sinto queimar, xeada, a estrutura de ferro.

Míroa escura e espida, igual que a unha muller

á que quixera sempre.

A vida foi quedando baixo o frío

dos invernos nas obras.

Construín edificios que son como vagóns.

con esqueletos férreos. Vagóns grandes

que un día arrastrarán unha vez máis

a xente ata un final que xa imaxinan.

Porque xa todos viron a verdade,

reflexo de luz fría nunha poza

de augas porcas do fondo da ignorancia.

                         (Tradución: Helena Villar Janeiro)

Poetas con Rosalía IV, 15 de xullo de 2009, 124 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro.

 

MADAS VIOLADORAS

SANYO DIGITAL CAMERA

Sendo eu nena, veu servir a Becerreá unha mociña naviega. Non recordo a quen servía, pero dou fe do impacto que causou na vila que nun baile un mozo lle puxera algo na bebida e a partir daquel momento fose forzada por unha mada de veciños en rea, mentres a tiñan metida nun coche. O pobo estaba moi alborotado, pero máis polo morbo que pola infamia. Porque o feito quedou sen castigo e ela marchou marcada de por vida. Era moi guapa e en Madrid tomou porte de muller elegante, tanto que veu algún día pasear pola feira da vila para que todo o mundo a admirara con envexa. Foi a súa pobre vinganza, pero deuse ese gusto e fixo ben.

Como puido pasar algo así sen ser xulgado? Que clase de sociedade puido aceptar un feito mesmo antinatura no que a castigada foi ela? Era o franquismo, claro, aquel exemplar franquismo que só vía delictos onde non os había, aquel réxime que mandaba ao cárcere por recolleren os labegos  a herba seca un domingo con alerta de tronada.

Por iso me rebela a xustiza inaceptable nun estado que se di de dereito ante outras madas que se comportan como bestas forzando unha moza ata a ignominia de a pasar en rea pola arma da entreperna pensando que é a súa fonte de poder e de debilidade dela. Por iso creo que estamos facendo moi mal se non educamos os homes para que permitan ser libres as mulleres, para que deixen de pensar que lles pertencemos. Hai que preparar homes que constrúan o que chamaba o profesor de Fundamentos Biolóxicos da Educación da Complutense a “antropoloxía ortostática”:  a cabeza encima do corazón e ambos enriba do sexo. Nunha mada de homes que se xuntan para forzar unha muller debería haber algún que soubese reflexionar antes sobre a relación entres as persoas, pero van todos a unha como touros de parada. Unha rea de homes esperando por turno para penetrar a unha muller aturdida, avergoñada e anulada é algo tan anómalo que non se dá nin entre os animais que só guía o seu instinto.

Déixense xuíces ou xuízas de elocubrar se ela estaba borracha ou se gozaba corda nese espectáculo noxento pasándoo divino. Se a lei non vale, promovan o seu cambio. E mentres non pode chegar a educación –que é fundamental se vai ben impartida- actúen as súas señorías como a sociedade lles demanda que o fagan: con exemplaridade suficiente para que non se repita mañá ou pasado outra atrocidade destas.