RUSSULA CIANOXANTHA ou NETORRA

Son os cogomelos máis escuros do cesto.

Netorra do carballo,

por ela o crego perde o rosario.

 

Os cregos e as lesmas

 das netorras fan festas.

 

As russulas teñen o himenio en forma de láminas, a cor variable, o pé sen anel e unha carne granulosa que se parte como se fose tiza de xiz.

Unha vez comprobadas estas características nun exemplar, igual que pasa cos boletos, pode probarse un anaquiño de carne crúa para comprobar a comestibilidade. Se non pica, pode ir ao prato. Non hai nungunha excepción.

Interésanos a Russula cyanoxantha, que en galego recibe os nomes de “netorra acelme”, “netorra dos cregos” e “netorra dos carballos”.

O seu sombreiro é carnoso, de cinco a quince centímetros de diámetro, primeiro globoso, despois convexo co centro case sempre afundido e levantado no borde.

A cutícula, parcialmente separable, é lisa e brillante en tempo húmido, enrugada por vénulas radiais, de cor moi variable, que pode ser gris azulado, violeta ou verde, con zonas máis escuras e outras descoloridas, de cor amarelenta. A carne é granulosa e firme de cor branca, con reflexos violáceos debaixo da cutícula e nas feridas. O seu olor é moi suave e o seu sabor,  doce, parecido ao das avelás.

Ten láminas que se unen ao pé, elásticas e de tacto graxento, de cor branco-crema.

A esporada é branca.

O seu pé pode medir de  catro a dez centímentros de altura. É branco e atenuado na base.

É un fungo micorrícico que vive en bosques de caducifolias e en piñerais de toda clase de chans. Brota desde o verán ata o outono.

Moi bo comestible, é unha das russulas máis buscadas e apreciadas. Pode cociñarse de múltiples formas, pero xeralmente úsase en guisos de carne, de peixe ou salteada.

Consérvase ben en sal.

 

Xa desprovistos da cutícula, que sae con facilidade.

O sabor da terra. Encontro cos cogomelos, 2005