A TRADICIÓN ORAL E O TEXTO LÍRICO NA EDUCACIÓN INFANTIL

Dentro da Literatura, a poesía ocupa un lugar privilexiado na educación estética e sentimental nos primeiros anos da vida, adquisición que se transferirá a moitas aprendizaxes posteriores.

As criaturas posúen unha conformación psicolóxica que as fai percibir o mundo de xeito máxico. Dotan de vida canto as rodea e os seus xogos coa linguaxe parécense aos ritmos das formas poéticas. As crianzas, que reproducen o estadio da infancia colectiva da humanidade, fan poesía por diversos procedementos, mesmo cando xogan. E xogan coas palabras  imitando a poesía segundo as formas nas que o fixeron na orixe todas as culturas. A pluralidade literaria que pode amosarnos a humanidade naceu da poesía.

Na evolución cognoscitiva cara á madurez, nenas e nenos irán perdendo esta característica, que si continuará presenta en quen chegue a ser poeta, escribindo ou recreando poesía a través das súas lecturas. Por iso a escola entrará ao longo desa evolución, por razóns diversas e non pedagóxicas,  na substitución da lírica pola narrativa, un xénero co que é máis doado traballar nas aulas. E todo este proceso da vivencia literaria está hoxe en dura competencia co universo dixital, non sempre promotor da literatura e menos da poesía.

O proceso evolutivo anunciado comeza no berce e entra institucionalmente  na Escola Infantil, de aí a oportunidade de que sexa a escola quen continúe acrecentando e transformando as capacidades fabulatorias que as criaturas aportan ás aulas a través de modelos que as achegan á creación colectiva universal do xénero poético, cume da expresión literaria de calquera lingua. De non haber unha planificada intervención escolar, ou porque en aparencia a poesía é o texto menos utilitario e máis complicado de interpretar ou porque o profesorado non teña adquirida a capacidade de sentir e transmitir a emoción poética, acaba sendo un xénero con moi pouca presenza no ensino.

Polo camiño da escolarización adoita quedar o poder poético para axudar a medrar en harmonía a través do goce estético, de espertar sentimentos de satisfaccón persoal e de facer algo mellor o mundo coa estimulación poética da propia estima, da solidariedade cos demais, da igualdade de dereitos e deberes de nenas e de nenos, e do coidado do contorno e do planeta.

Todas as emisións de mensaxes cifradas pola poesía –que son unha intervención sobre a capacidade comunicativa máis emocional da lingua- actúan, como algúns medicamentos, mensaxes de liberación lenta que seguen actuando dosificadas a través do tempo mostrándose capaces de se adaptaren a novas situacións e a novos estadios de coñecemento para a cooperación do ritmo propio, da liberdade persoal e do ben colectivo.

En Galicia, porque o pobo soubo conservar a tradición poética medieval non escrita e porque tivo como fundadora da nosa literatura contemporánea. a gran poeta que empatizou con el ata se converter nun dos seus prezados símbolos, o número de poetas é moi elevado en relación co poboamento. Parece lóxico que a escola aproveite a súa abondosa autoría xunto coa poesía de creación popular que inda se percibe herdada nas familias. Sendo así, a aula debe dar cabida a subxéneros da poesía oral importantísimos nestas idades: arrolos, adiviñas, cántigas, lendas e ledaíñas, fórmulas tamén  valiosas na fixación de estruturas para aprender debidamente o idioma. Por outro lado, aproveitará tamén o feito de que os nosos mellores creadores teñen poemas para a infancia, aínda que fose produción ocasional. Outros escribiron libros, como é o caso de Manuel María, que fixo ofrenda a esa idade que nos prepara para sermos adultos, e Xosé Neira Vilas, desde cuxa Fundación se creou o máis importante premio de poesía infantil, Arume, gañado por autoras e autores moi recoñecidos da nosa lírica.

Por fortuna, hoxe temos un número considerable de poetas que se ocupan de crear para o público infantil e as bibliotecas escolares poden ofrecer o material necesario para unha lectura pracenteira. Igualmente, hai poetas con preparación pedagóxica para facer chegar ao profesorado a formación que precisa quen queira traballar coa poesía como elemento na aprendizaxe da lingua, das emocións, da estética comunicativa e dunha forma de expresión privilexiada que, de ningún modo, pode quedar á marxe dos contidos escolares nas etapas obrigatorias do ensino.

É necesario apoiar con teoría e experiencia o traballo docente para que o texto lírico –oral ou escrito- entre conscientemente e a tempo nas aulas como auxiliar privilexiado para unha educación integral de cualidade lanzando a mensaxe de que non se pode educar integralmente sen textos poéticos, vehículo excepcional para promover emocións e transmisión de valores.

(Exposto nas “XVI XORNADAS DE LIX. Os camiños nas narrativas literarias e artísticas da Literatura Infantil e Xuvenil” -Santiago, 21 e 22 no novembro de 2019-, como fundamento teórico da experiencia “Sentindo en feminino: A tradición oral e o texto lírico na Educación Infantil” que as profesoras Rosa Suárez Veiga e Fátima Rodríguez Eiroa realizan no CEIP “López Ferreiro” de Santiago)

4 opinións sobre “A TRADICIÓN ORAL E O TEXTO LÍRICO NA EDUCACIÓN INFANTIL

  1. Pingback: XVI Xornadas LIX con Helena Villar – SENTINDO EN FEMININO

  2. Pingback: XVI Xornadas LIX con Helena Villar – SENTINDO EN FEMININO

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s