NO ESTERCO NACE A ROSA

Aurum in stercore quaero

Virxilio

 

Serás aventurada

cando na andaina que te procuraches

se cruce o olor do esterco

que quizabes ata hoxe rechazases.

 

Cando ula a esterco,

por diante da enganosa fantasía

poñerase a verdade

e farate máis libre e máis humana

uníndote coa terra

e co seu seo.

 

No esterco nace a rosa, o pan e o viño

porque é a primavera

quen pon a modo os pés na súa calor

para se erguer madura á apoteose

que vai deitando froitas na cesta de Pomona

e flores nos cabelos de fermosas

como as que antigamente procuraban as cervas,

as albas e os amigos.

 

A Kaiserin Elisabeth

levaba moi cerqueiña das ristras do cabelo

e do sorriso

os efluvios do esterco dos cabalos

e aínda hoxe se pode

unir ao seu recordo onda o palacio Schönbrunn

na cidade de Viena,

a cidade do vals e mais da rosa.

 

Tamén serás esterco

á final doutra viaxe

que é xa definitiva

e oxalá que por riba dese corpo

que xa foi transmutado para sempre,

floreza unha roseira.

 

Remontar o río, 2013