¿QUEN NON XIME?

 

Luz e progreso en todas partes…, pero

as dudas nos corazós,

e bágoas que un non sabe por que corren,

e dores que un non sabe por que son.

 

Outro cantar, din, cansados

deste estribilo, os que chegando van

nunha nova fornada, e que andan cegos

buscando o que inda non hai.

 

¡Réprobos…! Sempre ó oculto perguntando,

que, mudo, nada vos di.

Buscade a fe, que se perdeu na duda,

e deixade de xemir.

 

Mais eles tamén perdidos

por unha i outra senda van e vén,

sin que sepan, ¡coitados!, por onde andan,

sin paz, sin rumbo e sin fe.

 

………………………………………………………………………

 

Triste é o cantar que cantamos,

mais, ¿que facer se outro mellor non hai?

Moita luz deslumbra os ollos,

causa inquietude o moito desear.

Cando unha peste arrebata

homes tras homes, n’hai máis

que enterrar de présa os mortos,

baixa-la frente, e esperar

que pasen as correntes apestadas…

¡Que pasen…, que outras vendrán!

 

Rosalía de Castro, Follas novas (1880)