O MOZO DO ACORDEÓN

O mozo do acordeón naceu en 1904, sexto de 10  irmáns, mulleres e homes. Aquí xa lle morreran os anteriores a el. Só coñeceu a moza guapa que axudara a crialos e viu saír nunha caixa, e o neno anterior a el que atopou ríxido ao lado unha mañá cando espertou. Do máis novo, fusilado polos falanxistas en setembro de 1936, era padriño. Nunca soubo onde quedaran os seus ósos e chorouno as Noites de Nadal que lle quedaban por vivir.

Tiña unha medalla á aplicación escolar, entregada por un inspector aos 10 anos, e o sentido de non querer ir á escola malvestido. Por iso dixo na casa que o mestre non lle deixaba entrar se non levaba un traxe. Como non había traxe, o mestre recriminou a seu pai por non mandalo á escola. Aclarada a situación, a súa actitude non lle fou louvada  pero si comprendida.

De adolescente, púxose en contacto co abade de Nosa Señora dos Milagres de Maceda a ver se o admitían como estudante sen indicar que era el. O abade preguntou se o rapaz sabía ler e escribir. Cando respondeu que era o propio solicitante, deulle instrucións para viaxar por Tioira, pois empezaba a facer estragos a gripe de 1918, na que morreu o propio abade. El detivo a viaxe e abandonou aquela aspiración.

Desde a súa clase humilde e tendo moi claro quen era, tivo trato e amizade con intelectuais que puxeron a biblioteca á súa disposición e foi así un home cultivado con gran sensibilidade social. En Madrid mellorou o oficio que aprendera con seu pai, pero rechazou a oferta de ser oficial nunha gran xastrería, porque non lle gustou como o trataban por ser galego.

Durante moitos anos compaxinou os oficios de músico e de xastre, nunha especie de Ateneo de rebotica onde se intercambiaban saberes, arte e humor. O seu corazón mantívose á esquerda e traballaba gratis para pobres e marxinados. A min, nena moi desexada como tal antes de nacer, deixoume os pés asentados na clase social de procedencia, nos valores da liberdade e na dignidade de ser muller.

As dúas paixóns da súa vida foron Elvira e o acordeón. Poucas fotos atopo onde non estea tal instrumento, diatónico ou cromático. Cando encargou o Larrinaga-Guerrini negro, fabricado exclusivamente para el, mandou colocar en vertical estas letras de nácar Abelardo y Elvira. Era o mesmo letreiro que figuraba na xastrería desde que casaron.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s