NEVE EN ABERECER

Tras do fume rural que sobe ós ceos

como maitines albos

viñeron os pestifles desacordos do vento

e o azul perdeu as aguias

antes de se virar a un gris perlado

que se esluíu nos cortinóns da brétema.

Veu despois a quietude dos espacios

e púxose nas árbores como un anel   

antes de que caese a tarde polo seu peso

cal pano de grosgrain,

espiñándose nas beiras dos acrivros

e sentindo no útero do tempo

dores de parto.

A rosa das montañas foi oración   

chamando polo manto das folerpas

que ulen a infancia e a adolescencia,

e, albo ramo de noiva,

incita á voda do silencio

coa paisaxe

recuperando a estampa

que criamos perdida para sempre.

“Álbum de fotos”, 1999.