#fotopoesia
É a vida quen flutúa
entre o barroco e o zen.


#fotopoesia
É a vida quen flutúa
entre o barroco e o zen.
#Fotopoemas
Por esas escaleiras sobe e baixa xente. Deses andeis de armario, saen sabas brancas que olen a marmelo. Dos cuartos poligonais manan conversas, xogos, alegrías, tristezas, pensamentos, amores, desamores, esperas… O aire confinado no propio aire ole a guiso de domingo. Todo está gardado nesa memoria universal que non esquece. Porque nada pasa no mundo como se non pasase.
ÁRBORE IRMÁ
Eras antecesora, soubéchelo e erguícheste
deixando asegurados os pés baixo da terra,
endurecendo a pel para afrontar os baques
e abrindo os brazos á fraternidade.
Nada sería igual se ti non foses,
árbore irmá.
Perdería a paisaxe toda esa cabeleira de frescura
na que aniñan paxaros, medran froitos
que puideron saír do paraíso
denantes de perdérmolo,
porque xa fuches dádiva no Edén
como o gran agasallo.
En ti aprende a chuvia
a amainarse no chan formando veas
que distribúen sangue de mantenza.
Por ti pode a paisaxe
calmar o ardor do sol e tender liñas
harmoniosas no espazo da beleza
vizosa, osixenada…
Quen ouse rabenarte será un fraticida
Tamén será un Nerón que plante lume á túa arquitectura.
Que quen pretenda ouro
da túa destrución deixando erma
a terra que arriqueces
reciba o cruel castigo de non mirarte máis
nin terte cerca.
#fotopoemas
#poesiaminima
#haikus
Baño de bágoas.
O narciso hoxe espéllase
mirando dentro.
#fotopoemas
Esas estrañas follas dun acivro ou xardón,
que unhas cravan as uñas e outras non.