Ocúpome hoxe do libro “O feitizo de Maruja Roca”, edición trilingüe de Eutropio Rodríguez e Nieves Neira Roca (A Central Folque,2020). O seu contido son fotografías nas que a becerrense de adopción verteu o seu xenio artístico, fermosamente presentadas por un estudo da sobriña neta que as saca á luz pública pasado máis de medio século. Vaian os meus parabéns á autora e ao autor, e os agradecementos ás persoas que permitiron completar este arquivo cos álbumes familiares. Probablemente quedaron imaxes sen recoller, pero sempre haberá a posibilidade de reeditalo.
Segundo o meu criterio de amante da expresión plástica, a variada mostra é reveladora da concepción extraordinaria que Maruja Roca (Castro de Rei, 1912-Becerreá, 2012) tiña da fotografía como arte que supera a realidade achegándose ao mundo do cine e do teatro. A fotógrafa integral –completaba ela todo o proceso- consegue arquetipos que parecen fotogramas dos pobres de Buñuel en “Viridiana”, fai traslación de escenarios cotiáns a xeografías exóticas, supera con folganza o costumismo das faenas agricolas e dos traxes enxebres que rehabilitara a Sección Feminina, consegue con disfraces uns asombrosos cambios de identidade de xénero, e logra composicións de grupo con dinamismos moi ben estudados. Descubro no libro algo que intuíra cando de pequena estiven diante da súa cámara e cando vía en salóns aos que accedía casualmente imaxes de boas mozas nos seus mellores anos, aquí reproducidas.
O libro ten ademais un valor sociolóxico importante para Becerreá. A través de moitas fotos recoñécese en segundos e terceiros planos unha etapa da historia da vila. Lendo os pés de foto que identifican a persoas e lugares, sorprende comprobar a realidade cambiante das nomenclaturas de referencia dunha vila como ser vivo plural. Os nomes de referencia de casas e familias van mudando de xeración en xeración. Sería ben interesante recuperar, canda outra memoria histórica que permanece oculta na capital dos Ancares, esta memoria que inda pode recompoñerse desde principios do século XX. Cada referencia perdida é un eslabón desfeito na cadea da identidade colectiva dunha poboación que merece recoñecerse en si mesma.
