INMERSIÓN LINGÜÍSTICA NO RURAL GALEGO

Lin non hai moito a noticia de que o rural galego exploraba novos negocios e iso é algo que alegra as persoas que o levamos no corazón e vemos como se desmorona demografica e paisaxisticamente. Tiña tanta riqueza ese noso mundo idílico de variadas terras,  costumes ancestrais, arquitectura popular ben rica en elementos e feituras, e valioso e matizado folclore! Pero velaí que os habitantes deste mundo tan de noso decidiron abandonar as súas posibilidades e, abandonado, foise derrubando como se recibise unha orde secreta desas que chegan ás árbores para florearen, aos paxaros para construíren o niño e aos comelos para saíren do sono do micelio.

Aínda así, a noticia da que falo pareceume rara e mereceu a miña atención para facer unha pequena análise do seu contido e significado. “Inglés e alemán dominan a oferta da inmersión lingüística de fin de semana en Galicia”. A primeira rareza é que o sintagma “inmersión lingüística” apareza entre nós con toda naturalidade, como debe ser, e non para armar liorta. En Galicia, os inimigos da lingua propia teñen abusado moito deste concepto presentándoo como algo radicalmente negativo, amalzoado e apestante. Que agora se intercale nunha noticia de carácter económico, tratado como un método idóneo de aprender linguas, ten moito valor simbólico para esvaecer toda esa fumareda que, para maior gloria dos que a aventaron, non estaba sendo aplicada.

O segundo elemento que me pareceu raro é que a aprendizaxe lingüística por irnmersión no noso rural sexa con profesorado nativo dos idiomas inglés e alemán. Nada en contra, como non podía ser doutro xeito. Pero chocante é. E dígoo eu que aprendín algo de árabe nas montañas dos Ancares. Para a inmersión que está preparado ese ricaz mundo noso mentres non desapareza de todo e teña xente maior nas súas casas é para a da vella lingua. Nel foi onde a aprendeu Rosalía, tamén por inmersión, pois é sabido que non sería a lingua familiar, non circulaba nas gramáticas, non estaba na escola e era negada tamén nos templos. E abofé que boa falta faría que as persoas que a usan en público se preocupasen en mellorar o seu idioma por este método. E non falo só do vocabulario, que pode procurarse de urxencia nun dicionario, senón para aprender a parte máis consistente de calquera idioma: a sintaxe e a pronuncia: como se colocan os pronomes, como é a entoación interrogativa e como hai que colocar a lingua para conseguir ese n da palabra “unha” e dos finais de palabras seguidos de artigo.

CANCIÓN PARA FACER O PRIMEIRO ANO

Esta mañá Mariña

xa fixo un ano

e púxose riseira

a celebralo.

Ordenou os xoguetes

nunha fileira

e as peluches bailaron

á súa beira.

Gustoulle moito a torta

cos seus morangos

e púxose moi leda

cos agasallos.

Un ano ou doce meses

son moitos días…

Entre tantos cariños

durmiu Mariña.